Lorenzana enxalza o potencial emprendedor da mocidade galega e a convida a aproveitar o dinamismo do cooperativismo para abrir negocios en Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na apertura dunha xornada sobre emprendemento na economía social en Ordes (A Coruña) que tivo como protagonistas a escolares de ESO desta comarca

Avogou polo talento mozo no emprendemento no eido da economía social, un sector dinámico que suma 1.145 cooperativas na comunidade

A titular de Promoción do Emprego visitou dous obradoiros de emprego no que se forman 40 persoas desempregadas en materia forestal e instalacións de xeso e madeira con actuacións que están a repercutir na súa contorna

Ordes (A Coruña), 14 de abril de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración en Ordes da xornada escolar Mostramos as nosas cooperativas na que enxalzou, ante o grupo de alumnas e alumnos de educación secundaria participantes, a aposta que a Xunta está a realizar para aproveitar o talento emprendedor da xuventude e brindarlle os apoios que precisa para abrir un negocio.

Na proximidade da conmemoración do Día mundial do emprendemento o próximo 16 de abril, Lorenzana avogou polo talento da mocidade na posta en marcha de proxectos no eido da economía social e poder aproveitar os seus valores para favorecer a cohesión social e o crecemento económico nas contornas. “É unha opción interesantísima para xerar emprego en Galicia e que quede no territorio”, indicou ante o alumnado de educación secundaria dos IES Nº1 de Ordes, Maruxa Mallo, Oroso e dos centros públicos integrados Xanceda e Viaño Pequeno, presente no acto.

Lorenzana avogou tamén pola utilidade dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego que o Goberno galego está a despregar para alcanzar antes de que remate o ano todos os concellos de Galicia. Nestes espazos, recalcou, a xuventude atopará titores de primeiro nivel que acompañan, asesoran e apoian en todo o proceso de creación dun negocio; e a ferramenta SIE, que emprega intelixencia territorial e ofrece unha análise exhaustiva do mercado e sector no que se desexa emprender, con atención ás necesidades das contornas.

Lorenzana saudou o dinamismo que experimenta a economía social en Galicia que se materializa na existencia de 1.145 cooperativas activas das que 29 están radicadas na comarca de Ordes.

A Xunta de Galicia ten en marcha programas como Aprol Economía Social, que fomenta o emprego nas cooperativas e na que os incentivos se incrementan nun 25% no caso das cooperativas xuvenís ou ES-Transforma, que convoca cada ano,  para converter os negocios sen relevo xeracional en cooperativas ou sociedades laborais e na que tamén as persoas mozas perciben maiores apoios.

Visita aos obradoiros locais

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade tamén visitou hoxe dous obradoiros duais de emprego - Obradoiro Dual de Emprego Brañas do Illó Río Samo V e Obradoiro Dual de Emprego Mancomunidade de Ordes II- nos que, co apoio da Xunta de Galicia se están a formar 40 persoas desempregadas, mulleres e homes.  

O Concello de Ordes, xunto cos Concellos de Frades e Mesía, é beneficiario (503.987 euros) do Obradoiro Dual de Emprego Brañas do Illó Río Samo V no que as alumnas e alumnos están a capacitarse en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes repoboacións forestais e tratamentos silvícolas nas que se están a acometer labores de mantemento e conservación en diferentes puntos.

Ordes tamén participa, a través da Mancomunidade, no Obradoiro Dual de Emprego Mancomunidade de Ordes II (503.987 euros) no que as persoas participantes están a recibir formación en instalacións de placa de xeso laminado e falsos teitos e montaxe e instalacións de construcións de madeira. O alumnado acomete no marco da actividade melloras na Estación de tren de A Pontraga.

Data de actualización: 14/04/2023