A Policía Autonómica procedeu a recuperación de 15 pezas metálicas de gran valor arqueolóxico datadas entre os séculos VII e IV a.C, polo que corresponden desde a Idade de Bronce ata á época romana. As actuacións leváronse a cabo no marco da operación Bronce, que continúa aberta e, polo de agora, os axentes identificaron dúas persoas como presuntas autoras dun delito contra o patrimonio histórico e outro de apropiación indebida.
A investigación comezou a finais de marzo cando a Policía Autonómica recibiu unha comunicación a través da súa web, na que se alertaba da venda de patrimonio que podía proceder do espolio dalgún xacemento arqueolóxico. Os axentes corroboraron os datos e comprobaron que en internet se ofertaban en varias páxinas de venda online pezas arqueolóxicas de varias épocas históricas por un importe medio de ata 700 euros cada unha.
A Policía Autonómica conseguiu identificar ao vendedor, ao que lle requisaron os obxectos e tamén ao propietario, que non puido acreditar a procedencia do material. Por estes feitos, tomóuselles declaración a estas dúas persoas e as dilixencias remitíronse ao xulgado de Instrución de Ferrol e á Fiscalía provincial da Coruña.
As 15 pezas metálicas foron requisadas para a súa preservación e estudo, quedando depositadas nun museo á disposición da autoridade xudicial.
Segundo as pescudas realizadas, as características das pezas indican que proceden de distintos xacementos arqueolóxicos afastados entre si e acreditouse que o interese dos autores era sacar rédito económico incumprindo a obriga de comunicarlles ás autoridades a localización e posesión das pezas.
A operación Bronce continúa aberta para tentar descubrir a procedencia das pezas e investigar se hai mais persoas implicadas ou infraccións conexas.
Entre as competencias da Policía Autonómica inclúese a protección do patrimonio histórico, cultural e artístico da comunidade, a través da prevención e investigación de accións que atentan contra o patrimonio cultural galego e, en especial, sobre os bens de interese cultural (BIC), de relevancia histórica ou doutras obras de singular importancia.