A Consellería do Mar e a Secretaría Xeral de Pesca analizan os principais asuntos de interese para o sector marítimo-pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, mantiveron esta semana un encontro de traballo no que analizaron os principais asuntos de interese e de actualidade no sector marítimo-pesqueiro galego. Neste sentido, ambas abordaron distintas decisións adoptadas nos últimos meses pola Comisión Europea como o veto á pesca de fondo en augas comunitarias ou os plans para limitar no futuro a actividade da frota de arrastre, o que tería un importante impacto socioeconómico nalgúns dos principais portos da comunidade.

Galicia defende a necesidade de que todas as decisións que se adopten na xestión das pesqueiras conten cos correspondentes informes biolóxicos e de impacto socioeconómico. Por iso, a Xunta sempre apostou por facer valer diante das autoridades europeas un dos principios básicos da Política Pesqueira Común (PPC), o equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais na xestión da actividade. Nesta liña, Rosa Quintana trasladou a Isabel Artime a vontade de colaboración co Executivo estatal na consecución dese obxectivo e na defensa dos intereses da frota, como fixo apoiando en todo momento a presentación por parte de España do recurso contra o regulamento de execución que veta a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/04/2023