Rueda traslada ao presidente da República de Panamá o interese de Galicia por estreitar lazos económicos e comerciais co país de América central
Salienta a importancia das relacións existentes entre Galicia e Panamá en sectores como a pesca e o turismo, así como as colaboracións noutros que están en alza, como as enerxías renovables
Ambos mandatarios abordaron a posibilidade de intensificar a posición deste país como punto loxístico das exportacións galegas, tendo en conta que na actualidade hai 257 empresas da comunidade operando neste eido en Panamá
Rueda convida o presidente panameño a visitar Galicia e a facer un tramo do Camiño de Santiago, “como Marca Galicia que é en todo o mundo”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao presidente da República de Panamá, Laurentino Cortizo, o interese de Galicia por estreitar lazos económicos e comerciais co país de América Central. Na súa viaxe institucional ao continente americano, o titular do Goberno galego reuniuse onte co mandatario panameño, descendente de emigrantes galegos, nun encontro no que participaron os ministros de Obras Públicas e de Cultura deste país, Rafael José Sabonge e Giselle González, respectivamente.
Exportacións, hidróxeno verde, pesca e turismo
O mandatario galego explicou que na reunión se afondou no estreitamento das relacións comerciais, tendo en conta que na actualidade hai 257 empresas galegas que exportan produtos ao país centroamericano. Por este motivo, precisou que no encontro se abordou “intensificar a posición de punto loxístico de Panamá para chegar a outras moitas partes do mundo”.
Convite ao presidente de Panamá a visitar Galicia
Do mesmo xeito, Rueda tamén se amosou favorable a acordos de Galicia con Panamá en materia turística, xa que salientou que comparten “enormes potencialidades” e lembrou o “récord” de visitantes alcanzado na Comunidade galega en 2022, Ano Xacobeo, con máis de seis millóns de turistas. “No turismo de pospandemia a xente procura espazos abertos, a natureza e a non masificación. E isto encáixalles perfectamente a Galicia e a Panamá”, valorou.
Precisamente, Rueda informou de que na reunión convidou o presidente de Panamá a visitar Galicia e amosoulle o seu interese de que fixese “un pequeno tramo” do Camiño de Santiago, xa que salientou que se ten convertido en “Marca Galicia en todo o mundo” á vez que puxo en valor que o Xacobeo está a chegar “cada vez a máis países” . “A invitación queda aberta, cando el o decida ou crea convinte o recibiremos cos brazos abertos”, concluíu ao respecto.
Monumento aos galegos da Canle de Panamá
No encontro co presidente de Panamá, Rueda agradeceulle o labor que se está a facer para recordar a presenza dos galegos no desenvolvemento de Panamá a través da Fundación Nosa Terra. De feito, lembrou que foron moitos os que interviñeron na construción dunha das principais obras da enxeñería mundial, a Canle de Panamá. En homenaxe a eses 12.000 obreiros “excepcionais”, o presidente da Xunta participou na primeira pada da construción do monumento que se lles vai levantar en colaboración coa Fundación Nosa Terra. Será unha peza escultórica de 2,4 metros, obra de Gonzalo Sánchez Mendizábal.
Sons relacionados
-
Audio