O presidente do Goberno galego visitou o paso navegable que une o Océano Atlántico e o Pacífico durante a súa primeira viaxe institucional ao país de América Central

Rueda destaca o labor dos galegos que axudaron a construír a Canle de Panamá como símbolo dun pobo que edifica, progresa e tende pontes

Subliña que a presenza de Galicia nas grandes obras de enxeñería segue a ser fundamental: “Hai empresas galegas moi potentes que están facendo polo mundo obras moi importantes”, recalcou

Avanza o interese de Galicia e do seu goberno por que “esas relacións humanas e comerciais” cun país no que actualmente viven uns 4.000 galegos sexan cada día máis estreitas
 

Miraflores (Panamá), 13 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, rendeu hoxe homenaxe aos 12.000 galegos que participaron na construción da Canle de Panamá como símbolo dun pobo que segue a traballar para edificar, progresar e tender pontes. 

Durante unha visita ao paso navegable que une o Océano Atlántico e o Pacífico, Rueda quixo resaltar o gran labor dos milleiros de galegos que deixaron a súa terra e contribuíron co seu traballo á prosperidade dos seus lugares de destino. Nesta liña, lembrou a pegada galega en grandes obras do pasado como as do ferrocarril en Cuba ou a Canle de Panamá e, no presente, participando no desenvolvemento da construción, a enxeñaría eólica ou a hidráulica en diferentes países americanos.  

“Quero poñer en valor o traballo deses 12.000 galegos que tiveron unha importancia fundamental na construción desta obra que cambiou o transporte mundial para sempre e que o fixeron nunhas condicións moi difíciles, como queda acreditado nas exposicións que hai no Museo do Canle de Panamá”, indicou o presidente da Xunta logo dun percorrido no que puido coñecer o sistema de peche e apertura das esclusas que permiten o transporte marítimo a través do paso internacional.   

Proba do recoñecemento da Xunta ao papel dos milleiros de galegos que participaron na construción da Canle de Panamá é que o Goberno autonómico está a colaborar coa Fundación Nosa Terra para a creación dun monumento na honra destes emigrantes galegos. De feito, o presidente participará esta tarde no acto da primeira pada para a instalación desta peza escultórica de Gonzalo Sánchez Mendizábal.  

Alfonso Rueda precisou que esa aportación segue a ser hoxe primordial da man de empresas galegas que seguen a colaborar na posta en marcha de infraestruturas en diferentes países de América e tamén no Canle de Panamá, xa que participaron na súa ampliación e forman parte da loxística do transporte que fai uso do paso navegable entre o Océano Atlántico e o Pacífico. “Hai empresas galegas moi potentes que están facendo polo mundo obras moi importantes”, recalcou. 

Reunión co presidente de Panamá, Laurentino Cortizo

 Na súa viaxe, o titular do Goberno galego vaise reunir con diferentes autoridades do país de América Central. Hoxe mesmo, Rueda manterá un encontro institucional co presidente de Panamá, Laurentino Cortizo, co que abordará o interese de Galicia por reforzar alianzas comerciais e económicas co país. Ademais, o presidente autonómico tamén se reunirá co embaixador de España en Panamá, Guzmán Palacios.  

Alfonso Rueda subliñou o interese de Galicia e do seu goberno por que “esas relacións humanas e comerciais” cun país no que actualmente viven uns 4.000 galegos sexan cada día máis estreitas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023