A delegada territorial visitou esta mañá as oficinas da empresa Ortegal Oil, no polígono industrial de Vilar do Colo, acompañada do seu director Antonio López

Martina Aneiros lembra a empresas e autónomos de Ferrol, Eume e Ortegal que as axudas do Bono Enerxía Peme 2023 poden solicitarse ata finais de xuño

A Xunta destina este ano 4,2 M€ á convocatoria que, como novidade, inclúe unha liña de axudas para asesoramento enerxético

Fene (A Coruña), 13 de abril de 2023

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, lembrou esta mañá a empresas e autónomos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que o prazo para presentar as solicitudes ao programa Bono Enerxía Peme 2023 da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación está aberto ata o 29 de xuño. Aneiros fixo este recordatorio durante unha visita ás oficinas da empresa Ortegal Oil, no polígono industrial de Vila do Colo, acompañada polo seu director, Antonio López Rubal.

O Bono Enerxía Peme, ao que este ano se destinan 4,2 M€, está dirixido a pemes e autónomos galegos dos sectores do comercio, a hostalería e os servizos. Tal e como indicou a delegada, a iniciativa impulsa a incorporación de equipamento máis eficiente e a redución da factura eléctrica dos establecementos e, como novidade este ano, apoiará tamén o asesoramento enerxético.

Concretamente estas axudas financiarán actuacións de mellora da envolvente a través de elementos de control solar como toldos de cor branca ou negra; da iluminación, coa renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que empreguen tecnoloxía LED; de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; de equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparatos por outros de cualificación enerxética B ou superior, e da climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de maneira máis eficiente.

As achegas financiarán ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000 euros por centro de traballo. As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubrirán actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2023