A Xunta promocionará os produtos de calidade do agro e do mar na XXXVI edición da Feira Gourmets de Madrid

O conselleiro do Medio Rural e a conselleira do Mar participarán o próximo luns 17 de abril na inauguración do evento, onde 29 empresas do agro e 23 do mar da comunidade compartirán espazo de exposición co Goberno galego

Haberá distintos espazos para vivir experiencias de calidade con obradoiros de cociña en directo, catas e degustación de produtos galegos e actividades como unha experiencia de realidade virtual da vida mariñeira e pesqueira da comunidade
 

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

A Xunta promocionará os produtos galegos de calidade do agro e do mar na XXXVI edición da feira Gourmets, que se celebrará do 17 ao 20 de abril en Madrid. En total serán 52 empresas galegas as que participen baixo o paraugas da Xunta, co fin de promocionar os seus produtos e abrir novos mercados a nivel nacional e internacional.

O conselleiro do Medio Rural, José González, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participarán o vindeiro luns 17 na inauguración deste evento, co fin de apoiar coa súa presenza ás empresas participantes. Así, o posto que leva a Consellería do Medio Rural estará composto por dúas illas que ocuparán unha superficie total de 490 metros cadrados, onde se albergarán un total de 29 empresas. Nunha desas illas estarán 20 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, irán nove adegas e coexpositores doutras bebidas.

Ademais, neste posto haberá tamén espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se levarán a cabo diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira.

Así, as indicacións xeográficas protexidas de vacún de Galicia serán as protagonisstas das clases maxistrais, nas que participarán diversos chefs galegos. Así mesmo, haberá catas tanto de viños galegos premiados nas últimas Catas de Galicia como doutros indicativos de calidade como os licores e augardentes tradicionais da nosa comunidade, ademais doutros produtos como queixos das diferentes denominacións de orixe protexidas ou propostas coas indicacións xeográficas protexidas de Mel, Castaña ou Pataca de Galicia, entre outras.

Pola súa banda, a Consellería do Mar estará presente na feira tamén cun posto de 490 metros cadradosde superficie no que acollerá a 23 empresas coexpositoras da cadea mar-industria. Ademais, neste espazo levaranse a cabo varias actividades como degustacións a través da iniciativa Galicia comparte mesa -chefs e comensais interactuarán durante toda a sesión- e experiencias de realidade virtual para coñecer a vida mariñeira e pesqueira da comunidade grazas á acción GALICIA SABE AMAR 360º.

As catas e degustacións serán, como cada ano, un dos pratos fortes deste espazo para amosar os beneficios de produtos do mar de Galicia como os procedentes da pesca artesanal amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionarán a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, a ameixa e o berberecho de Carril, a pescada do pincho de Burela, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos ou de organizacións de produtores pesqueiros, entre outros.

Esta difusión enmárcase na campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumir os produtos do mar e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria da comunidade pon a disposición da cidadanía. 

Gourmets 2023

O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición prevé contar con máis de 2.000 empresas expositoras que promocionarán máis de 55.000 produtos así como cuns 12.000 compradores estranxeiros de 70 países. Deste xeito, agárdase a chegada de máis de 100.000 visitantes a este espazo de 65.000 m².

Data de actualización: 12/04/2023