A Xunta enxalza o labor realizado polos servizos de Salvamento para velar pola seguridade no mar

Madrid, 11 de abril de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Madrid ao acto de conmemoración do 30 aniversario da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar), un organismo que, ao igual que o Servizo de Gardacostas de Galicia, realiza un labor fundamental para velar pola seguridade das persoas no mar. Neste sentido, a entidade dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana conta con varias bases e unidades -terrestres, marítimas e aéreas- en Galicia e é a responsable de coordinar calquera emerxencia marítima nas costas galegas recorrendo aos medios dispoñibles, entre eles os dependentes da Xunta.

Os obxectivos de Sasemar -que entrou en funcionamento en 1993- son compartidos polo Servizo de Gardacostas de Galicia -creado en 1990- e ambos organismos están en constante coordinación e cooperación para mellorar a seguridade nas costas galegas. De feito, Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun ente propio deste tipo de loita contra o furtivismo e a contaminación mariña así como de rescate de persoas. Neste sentido, o esforzo que realizan tanto os profesionais de Salvamento Marítimo do Estado como de Gardacostas conta co recoñecemento da cidadanía ao estar dispoñibles 24 horas e os 365 días do ano arriscando incluso as súas vidas para protexer as dos demais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023