A xerente do Sergas remarca a importancia de que o tratamento fronte ao párkinson sexa personalizado

En España, estímase que pode haber entre 120.000 e 150.000 persoas con esta enfermidade e, ao redor de 6.000, en Galicia

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023 A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, interveu hoxe, na Facultade de Medicina, nunha xornada conmemorativa do Día Mundial do Párkinson, onde sinalou que en España se estima que pode haber entre 120.000 e 150.000 persoas con esta enfermidade e, ao redor de 6.000, en Galicia. Na actualidade, o seu diagnóstico clínico precisa de revisións periódicas para a súa confirmación e para desbotar a posibilidade dalgún outro tipo de parkinsonismo dexenerativo, “de aí a importancia de que o seu tratamento sexa personalizado, atendendo ás situacións persoais, familiares, laborais e sociais de cada paciente, e aquí xogades un papel fundamental os profesionais tanto sanitarios como os das asociacións de pacientes”, -dixo Estrella López-Pardo-.

A responsable do Servizo Galego de Saúde agradeceu o empeño e habilidade no manexo do equipamento de alta tecnoloxía como o HIFU para o tratamento contra o párkinson e o tremor esencial; e tamén remarcou que “o bo facer dos profesionais galegos eleva o nivel de excelencia na atención dos pacientes e propicia recoñecementos como a designación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago como centro de referencia na cirurxía dos trastornos do movemento”. Tamén subliñou a ampliación da carteira de exploracións neurofisiolóxicas clínicas.

Na súa intervención, a xerente puxo en valor o traballo dos profesionais que integran a consulta monográfica de párkinson e outros trastornos do movemento do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, acreditada a principios de ano, e destacou a importancia da colaboración coas asociacións de pacientes en Galicia, por medio de charlas, conferencias e apoio ás actividades que propoñen.

Estrella López-Pardo tamén tivo, así mesmo, palabras de recoñecemento para o traballo do grupo de neurobioloxía molecular e celular da enfermidade de párkinson liderado por José Luis Labandeira García. Entre as súas principais liñas de investigación atópase o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas na enfermidade de párkinson, o estudo dos mecanismos moleculares implicados na neurodexeneración e neuroprotección de neuronas dopaminérxicas, ou as terapias neuroprotectoras nesta patoloxía, -concluíu a xerente-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023