Escolares do CEIP Arzúa coñecen en Porto do Son os beneficios de consumir produtos do mar a través da iniciativa ‘Ti si que es un bo peixe’

Porto do Son (A Coruña), 11 de abril de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, acompañou hoxe a unha trintena de escolares de 2º de Primaria do CEIP Arzúa na xornada organizada en Porto do Son pola campaña Ti si que es un bo peixe, promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de concienciar aos máis pequenos sobre os beneficios que aporta consumir produtos da pesca e a acuicultura galegas. As nenas e nenos puideron coñecer a través deste obradoiro o oficio tradicional das redeiras ao visitar a nave dedicada a esta profesión na localidade sonense, así como outros traballos relacionados coa ría de Muros e Noia no museo Marea.

Os estudantes tamén se achegaron ao porto e á lonxa locais para coñecer as distintas especies que capturan as embarcacións da zona e mesmo aprender datos curiosos sobre o medio mariño. Este tipo de iniciativas son fundamentais para concienciar á rapazada da importancia que ten o mar para Galicia así como inculcarlles os beneficios de introducir os produtos do mar na dieta para que sexa equilibrada. Este obxectivo puideron poñelo en práctica na merenda mariñeira que puxo fin á visita, con preparacións realizadas a base de peixe e na que os monitores realizaron unha pequena explicación sobre as súas propiedades nutricionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2023