A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde do municipio, Plácido Álvarez, asinaron hoxe un acordo de colaboración destinado a reforzar o servizo de subministro de auga potable

A Xunta e o Concello de Muíños colaboran na mellora do abastecemento de auga aos veciños cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros

O obxectivo do convenio é dar solución aos problemas existentes para garantir a auga potable en situacións de escaseza de auga e de seca


Augas de Galicia achega o apoio técnico e financia integramente as actuacións, mentres que o Concello asume as obras e a xestión e mantemento das instalacións
 

Muíños (Ourense), 10 de abril de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou esta mañá co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, un convenio de colaboración para a mellora do abastecemento de auga no municipio cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros.

Tal e como recolle o texto do convenio rubricado hoxe na Casa do Concello de Muíños, a Xunta, a través de Augas de Galicia, achega apoio técnico e asesoramento á administración local na execución dos traballos, ademais de asumir integramente o financiamento das intervencións.

Pola súa banda, o Concello é o encargado das obras de mellora do abastecemento, que incorpora ao patrimonio público municipal, asumindo a súa xestión e mantemento.

 

O convenio rubricado hoxe ten vixencia ata o 31 de decembro de 2023.

O obxectivo do convenio é mellorar o abastecemento de auga a domicilio aos veciños e dar solución aos problemas de subministro derivados de situacións de escaseza e de seca.

Vázquez Mourelle referiuse ao episodio vivido o pasado ano, no que os caudais dos depósitos de auga chegaron a acadar niveis realmente baixos, e a falta de recurso obrigou mesmo a ter que facer cortes no subministro.

Concretou que as intervencións recollidas neste convenio buscan, precisamente, evitar estas situacións e contribuír a ofrecer garantías de subministro, en cantidade e calidade. 

Esta colaboración da Xunta co Concello de Muíños enmárcase no obxectivo de garantir a prestación duns servizos municipais da auga máis eficaces a través da cooperación entre administracións en beneficio do interese xeral dos cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2023