O DOG tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública para executar esta actuación que ten entre os seus obxectivos incrementar a accesibilidade e suporá un investimento de máis de 1,9 M€

A Xunta publica a aprobación das actuacións de mellora de 63 paradas de autobús nos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago, Teo e Vedra

Tras a licitación das obras o pasado día 31 de marzo, as empresas interesadas dispoñen ata o 27 de abril para presentar as súas ofertas a uns traballos que se prevé comezar no outono

O proxecto prevé a mellora de 2 paradas no municipio de Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra

Os traballos inclúen a dotación de marquesiñas, a mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e o incremento da visibilidade e da iluminación

Como resultado da información pública, incorporáronse modificacións en 7 paradas para a súa mellor integración na contorna e elimínanse 3, co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial a accesos e aparcadoiros
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación do proxecto das actuación de mellora da accesibilidade e conectividade de 63 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra. 

Estas intervencións céntranse en actuar no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas autonómicas (AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, AC-543, AC-841 e AC-960).  Estas actuacións suporán un investimento autonómico de máis de 1,9 M€, tendo en conta o pagamento dos 52 predios necesarios para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 2.183,71 m2. 

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 23 de marzo, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230410/AnuncioG0181-300323-0001_gl.html

Posteriormente, o pasado día 31 de marzo iniciouse a contratación das actuación, coa licitación das obras por importe de máis de 1,86 M€. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 deste mesmo mes de abril, co obxectivo de poder comezar os traballos no outono. 

O detalle das intervencións

En concreto,as actuacións aprobadas permitirán intervir na mellora  de 2 paradas en Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra.

Os traballos proxectados suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis. 

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas. 

As obras que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático. 

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. 

As actuacións incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo arredor das paradas. 

Ademais, as intervencións proxectadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas. 

Como resultado da información pública, no proxecto definitivo que publica hoxe o DOG adoptáronse varios cambios co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial, a accesos e a prazas de aparcadoiro.  

Así, modificouse o deseño nun total de 7 paradas para adaptalas mellor á contorna. En concreto, estas modificacións inclúen variacións nunha parada en Urdilde; outra en Pontevea; nas de Cacheiras-Gardería e Cacheiras; nunha parada en Fontenla Campos; noutra no cruce de Sarandón; e na que se corresponde con Trobe 2. 

Ademais, elimináronse do proxecto tres paradas: unha en Pontevea, outra en Samil e a terceira en Rois, dado que para súa mellora resultaba necesaria unha excesiva afección.  

Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente. 

 

 
 
 

 

Data de actualización: 10/04/2023