O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior

A convocatoria conta cunha dotación de 550.000 euros co obxectivo de que as ONGD galegas poidan canalizar as axudas ás súas iniciativas


As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes desde mañá a través da sede electrónica da Xunta
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións anuais para proxectos de acción humanitaria no exterior cunha dotación de 550.000 euros. Esta convocatoria enmárcase no Plan anual 2023 da Cooperación Galega.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2023 e podendo estar iniciados dende o 1 de xaneiro do 2023. Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

A presentación de solicitudes deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal) no  prazo dun mes contado dende mañá.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións. 

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Data de actualización: 10/04/2023