A Xunta anima a desfrutar da riqueza paisaxística da costa galega durante esta Semana Santa

Muxía (A Coruña), 6 de abril de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe á cidadanía a desfrutar esta Semana Santa da riqueza paisaxística da costa galega, logo de percorrer un tramo da Ruta dos faros, no concello coruñés de Muxía.  

Ángeles Vázquez, que realizou unha andaina entre as praias de Nemiña e do Rostro, subliñou que a condición de Galicia como a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa supón a mellor oportunidade para seguir apostando por un turismo seguro e de calidade no que poñer en valor as nosas paisaxes e, ao mesmo tempo, xerar valor engadido a través dun desenvolvemento económico sostible e respectuoso co medio ambiente. 

De feito, logo de incidir en que “a paisaxe é un sinal de identidade da nosa Comunidade”, a conselleira reiterou a importancia de garantir o equilibrio entre a preservación dos nosos recursos naturais e o seu desfrute por parte da cidadanía para garantir a conservación e protección dunhas paisaxes que fan a Galicia única no mundo.

Data de actualización: 06/04/2023