Arredor de 700 profesionais do marisqueo da ría de Arousa poderán beneficiarse das axudas pola parada biolóxica nos bancos dos Lombos, Bohído e Cabío

O Diario Oficial de Galicia publicará en próximos días a convocatoria destas achegas ás que a Xunta destina 4 M€ e que están dirixidas a persoas armadoras e tripulantes das embarcacións afectadas pola veda temporal nestas zonas

O período da parada foi debatido coas confrarías implicadas e quedou establecido desde o 1 de febreiro ata ao 30 de abril de 2023 co obxectivo de que a maior parte dos potenciais beneficiarios poidan acollerse a ela

Poderán acollerse a estas achegas as persoas armadoras e tripulantes das embarcacións da 3ª lista con porto base en Galicia afectadas pola paralización e que levaran a cabo a actividade cando menos 120 días entre os anos 2021 e 2022

O Diario Oficial de Galicia -DOG- publicará nos vindeiros días a orde de axudas destinadas a compensar ás persoas armadoras e tripulantes das embarcacións afectadas pola veda temporal nos bancos marisqueiros dos Lombos do Ulla, Bohído e Cabío, na ría de Arousa. Poderán optar a estes apoios uns 700 profesionais de arredor de 420 embarcacións marisqueiras e a eles a Consellería do Mar destina arredor de 4 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Estas achegas foron analizadas hoxe no Consello da Xunta e o Goberno galego pon a disposición do sector afectado pola paralización temporal da actividade nestes bancos, unha decisión adoptada como medida técnica de conservación. O período da parada foi debatido coas confrarías de pescadores implicadas e quedou establecido desde o 1 de febreiro ata ao 30 de abril de 2023 co obxectivo de que a maior parte dos potenciais beneficiarios poidan acollerse a ela.

A axuda darase por 61 días hábiles dese período e dela poderán beneficiarse as persoas armadoras e tripulantes das embarcacións da 3ª lista -de pesca profesional- con porto base en Galicia afectadas pola paralización da actividade e que realizasen extracción cando menos 120 días entre os anos 2021 e 2022.

As persoas interesadas en cursar as solicitudes poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que publicará o DOG nos vindeiros días. O prazo para presentalas será dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación.

A posibilidade de habilitar estas axudas á paralización temporal para aplicar medidas de conservación como os períodos de descanso biolóxicos dos recursos aparece recollida no regulamento do FEMP. Realízase para favorecer as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e para impulsar o desenvolvemento da actividade de xeito sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2023