A Xunta activa desde o 11 de abril un novo servizo de autobús entre Caranza e a estación de Ferrol que permitirá enlazar á primeira hora coas liñas afectadas polas obras na avenida das Pías

A liña Caranza-Praza Vella adáptase para habilitar unha nova expedición máis cedo das actuais, que sairá de Caranza ás 06,00 horas e chegará á estación de autobuses sobre as 06,15 horas

O novo servizo facilita o acceso dos usuarios ás catro liñas que conectan Ferrol coa Coruña nesa franxa horaria e que sairán da estación directamente cara á AP-9

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consensuou o reforzo coa asociación de veciños de Caranza e coa concesionaria do transporte público

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023 A Xunta activará desde o vindeiro martes, 11 de abril, un novo servizo de autobús entre o barrio de Caranza e a estación de autobuses de Ferrol que permitirá enlazar á primeira hora coas liñas afectadas polas obras na avenida das Pías. 

Ao longo do día, os usuarios poderán empregar a liña Caranza-praza Vella, coñecida como liña C, para acceder aos servizos de media e longa distancia que sairán da estación directamente cara á AP-9 mentres duren os traballos de mellora da seguridade viaria na estrada FE-14, de competencia estatal, que o Ministerio de Transportes estima ata mediados de maio de 2024. 

Á primeira hora da mañá, para facilitar os transbordos, esta liña adáptase para rematar o seu itinerario na estación de autobuses e engádese unha nova expedición máis cedo das actuais, que sairá de Caranza ás 06,00 horas e chegará á estación ao redor das 06,15 horas. 

O novo servizo permitirá aos usuarios enlazar coas catro liñas que conectan Ferrol coa Coruña nesa franxa horaria. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consensuou a solución para establecer este reforzo coa asociación de veciños de Caranza, que manifestara a necesidade de asegurar o transbordo cos servizos entre Ferrol e as principais cidades galegas á primeira hora da mañá mentres estea cortada a avenida das Pías. No proceso tamén se tiveron en conta as achegas da empresa operadora do servizo. 

Con motivo das obras a Xunta acordou a adaptación de todos os servizos de autobús afectados desde o día 11 de abril co Ministerio de Transportes, co Concello de Ferrol e coa Asociación de Veciños de Caranza. 

A nova configuración supón que as liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo, tanto as que realizan o seu percorrido por estrada como as que son directas pola AP-9, sairán e chegarán á estación de autobuses de Ferrol directamente desde a autoestrada. 

O resto das liñas, que teñen como cabeceira a estación de autobuses ou a praza de Galicia, realizarán un percorrido alternativo ao treito cortado da avenida das Pías empregando a rúa Telleiras e a avenida Castelao. 

Mentres, os servizos Caranza-praza Vella manteranse sen cambios ata que a ponte de Caranza se corte definitivamente. Nese momento, o percorrido realizarase pola rúa Telleiras, a avenida de Castelao e avenida do Mar. Esta adaptación afectará tamén á nova liña entre Caranza e a estación de autobuses de Ferrol.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 05/04/2023