A Xunta abre o prazo para que os centros educativos se incorporen aos Programas de Plurilingüismo

Poderán aplicalos tanto na etapa de Infantil como nas de Primaria, ESO e Bacharelato, a través das diferentes convocatorias
 

Os colexios e institutos interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o 30 de abril
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de abrir o prazo para que os centros educativos soliciten incorporarse aos programas de plurilingüismo ou sumar máis etapas educativas nos mesmos. Os colexios e institutos interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o 30 de abril a través da aplicación habilitada ao efecto no Portal Educativo.

No caso dos que desexen incorporarse á Rede de Centros Plurilingües de Galicia, deberán presentar o proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, Educación Primaria ou Educación Secundaria Obrigatoria, con indicación do curso ou cursos de aplicación no ano académico 2023-2024 e planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos. Os centros que xa forman parte da rede nunha das etapas poderán tamén solicitar incorporar a outro, se así o desexan. Conforme co establecido na normativa en vigor, poderase impartir na lingua estranxeira de elección ata un terzo do horario lectivo.

Os colexios que soliciten participar no programa Pluriinfantil deberán formar parte da Rede de Centros Plurilingües na etapa de Primaria. Os centros plurilingües comezarán a impartir o programa no primeiro curso do segundo ciclo da Educación Infantil e desenvolverano ao longo desta. Con todo, os centros que así o desexen, poderán implantalo simultaneamente nos tres cursos do segundo ciclo de Infantil.

Programa extracurricular específico

Pola súa banda, os centros que queiran sumarse ao PluriBach, comprometeranse a comezar a súa aplicación no primeiro curso e a estendelo tamén ao segundo. Neste caso, ademais de impartir ata un máximo do horario lectivo nunha lingua estranxeira, os centros participantes deberán elaborar un programa extracurricular específico.

Así, os alumnos que estuden o Bacharelato de especialización en idiomas cursarán, a todos os efectos, unha das modalidades recollidas na lei educativa e, a maiores, unha materia extracurricular, en 1º e 2º de Bacharelato, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario dirixida a promover o unha preparación máis profunda e especializada no idioma obxecto do programa, baseado no incremento das habilidades de expresión e comunicación, con especial atención á oralidade.

Así mesmo, o centro ofertará actividades complementarias de formación organizadas como charlas, obradoiros ou proxectos cunha duración estipulada ao longo dos dous cursos de 40 horas, que se desenvolverán tamén fóra do horario ordinario do alumnado.

Certificación de participación do profesorado

O profesorado que participe nestes programas de plurilingüismo recibirá un certificado acreditativo ao remate de cada curso escolar, cunha equivalencia de 50 horas de formación para aquel que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, e cunha equivalencia de 20 horas para a persoa coordinadora.

Naqueles casos en que o profesorado actúe, ao mesmo tempo, como profesorado que imparte áreas ou materias en lingua estranxeira e coordinador ou coordinadora, recibirá un só certificado como profesorado que imparte áreas ou materias en lingua estranxeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2023