Xunta, clústeres e entidades profesionais de nove sectores económicos colaboran este ano para formar a persoas desempregadas e ocupadas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) informa hoxe sobre a sinatura este ano de convenios de colaboración para o desenvolvemento de plans formativos nos ámbitos do naval, automoción, metalmecánico, enerxías renovables, TIC, construción, comercio, hidróxeno e minaría

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste este ano 3,3 millóns de euros para a realización de 285 cursos
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) informa hoxe sobre a sinatura de nove convenios de colaboración asinados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cos clústeres e entidades representativas de nove sectores económicos galegos para a impartición de formación adaptada ás necesidades do tecido produtivo.

Cun investimento que supera os 3,3 millóns de euros, asináronse acordos cos clústers do sector naval galego (Aclunaga); da automoción (Ceaga); das enerxías renovables (Cluergal); do sector do metal (Asime); e das TIC; coa Federación Galega de Comercio; coa Fundación Laboral da Construción; coa Cámara Oficial Mineira de Galicia (Comg); e coa Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2). A actuación permitirá a formación de máis de 7.500 persoas desempregadas e ocupadas a través duns 285 cursos. Estes nove sectores, xunto co primario e o de función loxística, demandan formación especializada para dar resposta ás vacantes laborais e, por iso, nestes ámbitos é prioritaria a formación para a cualificación e recualificación da poboación activa.

É preciso destacar que moitos destes sectores teñen un carácter relevante na transición verde e dixital pola que se está a apostar no actual contexto socioeconómico. A formación nestes ámbitos é, polo tanto, prioritaria por dotar ás persoas desempregadas e ocupadas das competencias precisas que aumenten as súas oportunidades de traballo.

Data de actualización: 05/04/2023