O 061 de Galicia pídelles precaución aos condutores nos desprazamentos durante a Semana Santa

Resulta fundamental o uso da App Sergas Móbil para chamar ao 061 porque permite xeolocalizar a súa chamada e axilizar así a localización do lugar do sinistro

Durante a Semana Santa do ano 2022, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu 85 persoas, debido a 69 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas

A Estrada (Pontevedra), 5 de abril de 2023 Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pídelles aos condutores precaución nas estradas ante o inicio, este mércores, dos desprazamentos polas vacacións de Semana Santa e ata o vindeiro domingo 9 de abril.

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e despois, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Nestas situacións, resulta fundamental o uso da App Sergas Móbil para chamar ao 061 porque permite xeolocalizar a súa chamada e axilizar así a localización do punto do sinistro. Para isto, deberá haberse rexistrado na App con anterioridade e facer a chamada desde a pestana laranxa Chamar ao 061.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Poña roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura. Por último, sinalice o accidente cos triángulos de sinalización ou coa luz de emerxencia V-16.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Balance Semana Santa 2022

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu, durante a Semana Santa de 2022, 85 persoas debido a 69 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do mércores, 13 de abril, ata as 23:59 horas do domingo, 17 de abril de 2022. O maior número de atencións por sinistros rexistrouxe o venres con 20 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 84 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 69 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 85 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 55 % e do 45 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 28 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
28
Lugo
8
Ourense
6
Pontevedra
27
Galicia
69

En 71 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e 14 persoas foron asistidas no lugar do sinistro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2023