A directora xeral de Patrimonio Natural reúnese co presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

Adirectora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión co presidente e co vicepresidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luís Núñez e Ricardo Vecillas, respectivamente, no marco da colaboración que veñen mantendo en cuestións da súa competencia.

Durante o encontro, avaliaron a repercusión que terá na Comunidade a Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, e o proceso de adaptación que terán que facer estes profesionais a esta nova normativa estatal. Máis polo miúdo, analizaron cuestións que lles preocupan especialmente, como, por exemplo, a formación.
 
O Colexio Galego de Colexios Veterinarios representa á profesión no ámbito da comunidade autónoma e vén desenvolvendo nos últimos anos labores de asesoramento e colaboración coa Xunta para a mellora das actividades profesionais veterinarias.
 
De feito, no marco do convenio de colaboración que mantén coa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xestiona o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía, competencia deste departamento autonómico, e no que na actualidade están inscritos un total de 743.260 animais. Nesa liña, na reunión abordaron o estado actual do Regiac, o seu funcionamento, seguimento e posibles actualizacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2023