A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a localidade ourensá

A Xunta prevé ampliar o parque público residencial de Oímbra ao abeiro dun proxecto piloto para a construción de vivendas en madeira

Ángeles Vázquez explica que o obxectivo é impulsar novas promocións residenciais de carácter público nas que prime o uso de materiais sostibles respectuosos coa contorna


Construiranse 3 vivendas unifamiliares que, unha vez edificadas, serán cualificadas como promoción pública e serán adxudicadas a través do Rexistro de demandantes
 

Oímbra (Ourense), 3 de abril de 2023

  A Xunta de Galicia prevé ampliar o parque público residencial do Concello de Oímbra ao abeiro dun proxecto piloto para a construción de vivendas en madeira que desenvolverán o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a Axencia Galega de Industria Forestal (XERA).

 

Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á zona na que se levará a cabo a actuación, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e pola alcaldesa la localidade, Ana Villarino, o obxectivo do Goberno galego é “impulsar novas promocións residenciais de carácter público nas que prime o uso de materiais sostibles respectuosos coa contorna”.

 

Así, esta experiencia piloto, que podería estenderse nun futuro a outros concellos galegos, pretende incorporar sistemas construtivos que maximicen o uso de materiais de orixe biolóxica e reciclables nas obras públicas de ampliación, rehabilitación, reforma e nova creación cun dobre obxectivo. Por unha banda, diminuír a pegada de carbono na edificación pública e, por outra, impulsar o benestar das persoas creando unha contorna máis respectuosa co medio ambiente.

 

Deste xeito, Ángeles Vázquez, avanzou que o obxectivo é construír 3 vivendas unifamiliares en Oímbra que, unha vez edificadas, serán cualificadas como promoción pública pasando a formar parte do parque residencial do IGVS para, a continuación, ser adxudicadas a través do Rexistro de demandantes de vivenda.

 

O IGVS financiará parte do custo da construción e encargarase da redacción de proxectos así como da contratación e execución das obras. Pola súa banda, a Axencia Galega da Industria Forestal tamén asumirá parte do custo e realizará tarefas de asesoramento técnico a través do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira). Esta iniciativa conta cun orzamento estimado de 870.000 euros.

 

A maiores, ambos departamentos coordinaranse na organización de visitas a pé de obra ou de accións formativas dirixidas preferentemente a persoas prescritoras, técnicas ou instaladoras onde poidan observarse in situ as técnicas construtivas en madeira utilizadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023