A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe a contorna na que se vai actuar

A Xunta inviste preto de 80.000 € na mellora dun tramo do río Verdugo no concello de Soutomaior

A actuación prevista na marxe dereita consistirá na eliminación de especies invasoras da ribeira así como na retirada de madeira morta tanto na canle como na zona de dominio público hidráulico

Soutomaior (Pontevedra), 3 de abril de 2023 A Xunta de Galicia destina preto de 80.000 euros para mellorar un tramo dun quilómetro do río Verdugo no Concello de Soutomaior, segundo avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita á contorna, na que estivo acompañada polo alcalde, Agustín Reguera. 

A actuación prevista na marxe dereita do tramo comprendido entre a ponte colgante e a ponte medieval de Comboa consistirá na eliminación de especies invasoras da ribeira -mimosas, tradescantia e crocosmia- así como na retirada de madeira morta tanto na canle como na zona de dominio público hidráulico. Unha vez realizados estes traballos, cuxo inicio está previsto para a segunda quincena deste mes de abril, valorarase a necesidade de plantar especies de ribeira autóctonas. 

Segundo dixo Do Campo, esta actuación, ademais da restauración ecolóxica da contorna, permitirá unha mellora do uso público e da actividade da pesca fluvial. 

Cómpre lembrar que esta iniciativa se vai acometer ao abeiro do proxecto Mil Ríos, unha iniciativa que, cun orzamento de 5 millóns de euros de fondos europeos, ten como obxectivo a restauración destes ámbitos, o incremento da biodiversidade e a optimización da conectividade ecolóxica. 

A través deste proxecto melloraranse 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos e o humidal da lagoa de Cospeito, aumentando a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático. Nesa liña, as primeiras actuacións estanse a realizar en 16 ríos das 4 provincias mellorando máis de 952 hectáreas ao longo de 260 quilómetros de tramos fluviais.

Con esta iniciativa, a Xunta pon en valor o papel identitario das arterias naturais de Galicia, responsables de transportar nutrientes, suavizar o clima galego e vertebrar o territorio. Ademais, o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023