Xunta e Concello de Ribeira buscarán alternativas para poder construír un novo centro de saúde de máis de 3.700 m2

O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Ribeira coincidiron en que a única alternativa sería a de realizar unha modificación urbanística para habilitar a edificabilidade necesaria nun novo terreo

Mentres durase este proceso, o Sergas negociaría a ampliación de superficie sobre os espazos que agora ocupa o Instituto Social da Marina para mellorar a área de pediatría

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, mantiveron unha reunión para falar das alternativas para a construción do novo centro de saúde de Ribeira previsto pola Xunta no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021. 

Este plan contemplaba un centro cun plan funcional que amplía 6 consultas de adultos, 1 de pediatría e 1 de PAC, e crea novos espazos como unha consulta de hixienista dental, unha sala de educación sanitaria, unha área de fisioterapia ou unha área de saúde mental, que non se poden instalar no centro actual por falta de espazo. A suma destes novos espazos, máis a revisión do tamaño dos actuais, arroxa un plan de espazos que ascende ata os 3.774 m2.

Actualmente, o Sergas ocupa 1.370 m2 dos 2.572 que ten de superficie a Casa do Mar de Ribeira na que se localiza. En consecuencia, para acadar os espazos previstos no novo plan funcional (máis do dobre que o actual) necesita unha parcela nova.

O alcalde relatou ao conselleiro o traballo de busca desa nova parcela por parte do goberno local desde a aprobación do Plan e a súa comunicación ao concello, así como as distintas negociacións para facerse coas parcelas que poderían cumprir as características, que finalizaron a semana pasada co rexeitamento por parte dos grupos da oposición no Pleno do Concello da adquisición da única parcela dispoñible.

Ante esta situación e a inexistencia de máis parcelas viables conforme ao viable plan de ordenación municipal, conselleiro e alcalde coincidiron en que a única alternativa sería a de realizar unha modificación urbanística para habilitar a edificabilidade necesaria nun novo terreo que satisfaga as demandas de superficie da Xunta.

Esta opción obriga a unha longa tramitación deste instrumento urbanístico pero é a única posible dadas as circunstancias. Consciente da situación de falta de espazos do centro de saúde, o conselleiro de Sanidade ofreceu ao alcalde a posibilidade de negociar, de xeito transitorio mentres non se consiga a nova parcela, a cesión por parte do Instituto Social da Marina de parte dos espazos que ocupa no edificio, para que o Sergas puidese ampliar a superficie dalgún dos servizos do centro que se atopan carentes de espazo, particularmente da área de pediatría.

Reforzo das infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 113 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla ata 51 novas actuacións, entre centros de nova planta e reformas dos existentes. 

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65 %, ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021, que contaba co fondo extraordinario COVID.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023