A Xunta mellora a eficiencia enerxética dos xulgados en Noia cun investimento superior aos 200.000 €

O director xeral de Xustiza e a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes visitaron o edificio para comprobar as obras realizadas

O obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía unhas instalacións eficientes e que garantan as mellores condicións de confort na prestación dos servizos

Noia (A Coruña), 3 de abril de 2023 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, visitaron hoxe o edificio dos xulgados en Noia para comprobar as actuacións de rehabilitación e mellora enerxética realizadas. A Xunta investiu nas obras máis de 200.000 euros co obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía un edificio eficiente e que garanta as mellores condicións de confort.

Así, actuouse nos illamentos exteriores coa retirada de todas as carpinterías existentes, para a súa substitución por outras novas de castaño laminado e vidro. Tamén se reparou a porta de acceso principal e dúas das balconeiras existentes. A maiores, retirouse e substituiuse a cuberta, incluídas as carpinterías Velux, e as luminarias. Cómpre sinalar que a iniciativa se enmarca no Plan especial de protección e reforma interior do casco  histórico de Noia.

No marco da visita tivo lugar unha xuntanza coa xuíz decana, os letrados da Administración de Xustiza e o alcalde de Noia, Santiago Freire, na que se puxo de manifesto o interese de apostar por este inmoble en liña co obxectivo da Xunta de facer cidade integrando os órganos xudiciais nos núcleos urbanos. 

A maiores, José Tronchoni salientou o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas xudiciais, como o investimento de máis de 125 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais e a creación da Cidade da Xustiza de Vigo, á que se destinaron máis de 42 millóns de euros.

A mellora dos recursos materiais complétase co impulso que lle está a dar o Goberno galego á dixitalización nos xulgados galegos a través do Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, presupostado en 43 millóns de euros, que se suma aos 50 millóns de euros dos dous Plans Senda anteriores.

Data de actualización: 03/04/2023