A Xunta somete a información pública o proxecto de hidróxeno verde de Reganosa e EDP nas Pontes

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio que outorga un prazo de 30 días hábiles para a presentación de alegacións ou observacións

A iniciativa, declarada Proxecto Industrial Estratéxico, conta cun orzamento de 156 M€ e aspira a crear un centenar de postos de traballo na fase de explotación
-entre directos e indirectos- nunha planta que agarda alcanzar os 100 MW de capacidade instalada

Trátase dun dos proxectos seleccionados no Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023 A Xunta avanza na tramitación da planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes coa publicación hoxe, no Diario Oficial de Galicia (DOG), do anuncio polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública e o proxecto.

Desde mañá, ábrese un prazo de 30 días hábiles para o exame da documentación e a posible presentación de alegacións ou observacións.

A iniciativa, declarada Proxecto Industrial Estratéxico polo Consello da Xunta o pasado mes de setembro, conta cun orzamento de 156 M€ e prevé a creación dun centenar de empregos na fase de explotación -entre directos e indirectos-. Consiste nunha planta de produción de hidróxeno verde cunha capacidade nominal prevista de ata 100 MW
-realizarase a través de varias fases ata un escalado final de 100 MW-, e polas liñas e subestacións necesarias para a alimentación eléctrica renovable da planta, así como as canalizacións para a distribución do hidróxeno, tanto para a inxección na rede de transporte de gas como a clientes directos. O obxectivo é que a primeira fase estea operando no ano 2026 e a última antes do ano 2030.

A declaración como proxecto industrial estratéxico permite a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

Os promotores pretenden desenvolver o uso de hidróxeno renovable para os diferentes usuarios finais -desde particulares a industria pasando polos usos na área de mobilidade- e contribuír tanto á descarbonización do sector enerxético como a potenciar unha área especialmente afectada pola deslocalización industrial, como é o concello das Pontes, un dos municipios que forma parte dos convenios de transición xusta. Trátase, ademais, dun dos proxectos seleccionados no Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.

Data de actualización: 03/04/2023