A Xunta colabora co Concello de Portas nas melloras no interior e na contorna do albergue de Briallos cunha axuda de máis de 48.000 euros

As axudas engloban a construción dunha pista deportiva, a reparación das ventás e a colocación de remates na cuberta

O albergue de Briallos, situado no Camiño Portugués, foi inaugurado no ano 2005 e dispón de 26 prazas, 2 delas para persoas con mobilidade reducida

Portas (Pontevedra), 3 de abril de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou hoxe nunha visita ao albergue de Briallos, en Portas, que o Goberno galego colabora co concello mediante un convenio na mellora do entorno do albergue de Briallos, situado nun tramo do Camiño Portugués, cun orzamento estimado para as actuacións de máis de 48.000 €.

 

Nava Castro resaltou que esta colaboración entre a Xunta e concello busca apostar pola recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio turístico, arqueolóxico e cultural local, o que fai que unha das prioridades sexa a de cumprir cos principios de calidade e accesibilidade en todos eses destinos turísticos que se pretenden valorizar como fomento do turismo, entre os que se encontra este albergue.

 

O albergue de Briallos foi inaugurado no ano 2005 e dispón de 26 prazas. Está situado a 350 metros do trazado do Camiño e conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida.

 

A través deste convenio construirase unha pista deportiva lindando co albergue cunha superficie total de 1.136 m2, a que tamén se lle colocará un xogo de porterías de fútbol sala e balonmán combinado cunha canastra de baloncesto. As melloras inclúen a reparación das ventás, e a colocación de remates con chapa pregada lacada para a cuberta.

 

“Estas actuacións reflicten o compromiso da Xunta coas melloras das instalacións do albergue de Briallos, que conta co distintivo Q de Calidade Turística”, rematou Nava Castro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023