O presidente da Xunta presidiu a sinatura do convenio para impulsar o grao de Enxeñaría da automoción dual da Universidade de Vigo

A Xunta aposta por impulsar a implantación de graos duais nas universidades que combinen formación e un contrato laboral regrado

Rueda indica que o obxectivo é reproducir o modelo de éxito da FP dual, que acada taxas de inserción laboral de case o cen por cen

Avanza que a Xunta está a elaborar un marco normativo para implantar titulacións duais

Salienta a oportunidade do novo grao, que permitirá formar graduados nun eido como o da automoción, con cifras récord de negocio e de exportacións

Vigo, 3 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta por impulsar a implantación de graos duais nas universidades que combinen formación e contrato laboral regrado. O titular do Goberno galego defendeuno na sinatura dun convenio para impulsar o grao de Enxeñaría da automoción dual da Universidade de Vigo, un acto no que participou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. 

Alfonso Rueda subliñou que o obxectivo deste acordo adoptado entre o Goberno galego, a Universidade de Vigo e a industria da automoción é reproducir o modelo de éxito da Formación Profesional Dual, que acada taxas de inserción laboral de case o cen por cen e co que xa están a colaborar máis de 800 empresas galegas. O presidente da Xunta indicou que implantar ese modelo na universidade é dar “un salto máis” aproveitando “a potencia e a excelencia” do sistema universitario galego. Consiste, en definitiva, en impulsar a implantación de programas duais en niveles de grao e máster nos que se combine a formación especializada e adaptada ao mercado cun contrato laboral regrado. 

Coa intención de regular o ensino universitario combinando a formación coa experiencia laboral, a Xunta está a elaborar un marco normativo que permita contar cun procedemento único e regrado para implantar titulacións duais e conferir seguridade aos estudantes e ás empresas aseguradoras. 

Alfonso Rueda fixo fincapé na importancia de que este novo modelo vaia implantarse no eido da automoción porque permitirá formar graduados nun sector que no 2022 acadou en Galicia o seu nivel máis alto tanto en cifras de negocio como en exportacións, tendo en conta que fabricou o 19% dos vehículos que saíron ao mercado en España. Indicou, ademais, a conveniencia de que ese modelo se introduza en Vigo por ser o berce dunha industria “moi potente e fundamental para Galicia” co deseño dun grao “eficaz e útil”. 

O titular do Goberno galego subliñou que se trata dunha medida “pioneira” que é froito do esforzo de todos os axentes educativos e económicos involucrados no sector e que se encadra na aposta da mellora continua do sistema universitario galego para adaptarse aos cambios na sociedade. 

Un novo mapa universitario adaptado ás necesidades 

Nese contexto, o novo mapa de titulación da universidade galega incorpora, para o período 2021-2026, dez novos másteres axeitados aos perfís do futuro como a enxeñaría biomédica ou a eficiencia enerxética e tres novas titulacións de grao ata agora inéditas en Galicia, como a intelixencia artificial, as relacións internacionais ou a xestión de empresas hoteleiras. O presidente da Xunta recordou que a esas novas se suma, un ano máis, a conxelación de taxas para favorecer o acceso a universidade.  

Rueda subliñou que o novo mapa e os novos modelos de formación nacen do esforzo da sociedade galega por ofrecer futuro aos universitarios, “que é o mesmo que falar do futuro de Galicia”. Con esa intención se materializou hoxe en Vigo unha alianza que abre un camiño “con moitísimo futuro”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023