A Xunta destina máis de 163.000 euros á renovación do convenio coa Asociación Érguete para o desenvolvemento dun programa de atención xurídico social

O importe do convenio aumenta respecto do asinado o pasado ano nun 5 %

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

A Xunta de Galicia vai destinar, neste ano, un total de 163.788 euros, para a renovación do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Érguete Vigo, para a renovación do programa para a prestación da asistencia profesional e gratuíta ás persoas con condutas aditivas e aos seus achegados, naquelas situacións persoais, sociais e xudiciais, nas que se vexan involucrados debido á súa adicción.

Dito programa, que incrementa a súa contía respecto do pasado ano nun 5 %, impulsa a mellora da coordinación entre a Administración de Xustiza e os recursos propios da Rede asistencial de trastornos adictivos de Galicia.

No ano pasado, as persoas atendidas ao abeiro deste convenio foron un total de 756.

Sinalar, así mesmo, que a Xunta de Galicia vai destinar, neste ano, ao redor de 300.000 euros para programas de atención xurídico social de persoas con condutas aditivas, por medio de convenios con diversas asociacións.

Os criterios para a inclusión nos mesmos son as persoas con drogodependencia ou outra conduta aditiva e problemas legais asociados que o solicita por iniciativa propia ou familiar, por derivación dende unidades asistenciais ou outros recursos socio-sanitarios, ou por derivación do ámbito da xudicatura.

Atención integral

O perfil social destas persoas é variado, pero gran parte delas presentan dificultades adicionais para a súa incorporación social, ao estar incursas en procedementos xudiciais que poden comportar un ingreso en prisión e dificultar así os seus procesos de recuperación. As complexas situacións e circunstancias derivadas das adiccións, necesitan de instrumentos de asesoramento e orientación técnica e profesional por un equipo multidisciplinar e experto na materia, para prestar cobertura en todas as situacións persoais, sociais e xudiciais nas que se vexan involucrados, optimizando a canalización do usuario ao recurso da rede asistencial máis adecuado.

O Servizo de Información e Orientación Socio-Xurídico en condutas aditivas desenvolto pola entidade Érguete, facilita a atención integral ás persoas con condutas aditivas e problemas legais, proporcionado cobertura de apoio e documental ao ámbito xudicial (xulgados, comisarías, prisións…), tanto a usuarios como a xuíces, fiscais, avogados e á propia institución penitenciaria.

Así mesmo, dito programa actúa como porta de entrada nos recursos clínico- asistenciais.

Plan de saúde mental de Galicia

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta de Galicia contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas en saúde mental. Isto traduciuse, por exemplo, en axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais.

O obxectivo do Plan é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais. Ao respecto, os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable, por iso impulsou unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que incluíu as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental, e, neste mesmo ano, vai poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista.

Data de actualización: 03/04/2023