A Xunta inviste máis de 586.000 euros na execución dos camiños secundarios da zona de concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña, no concello coruñés de Santa Comba

As obras executaranse nun total de 49 camiños, cunha lonxitude total de 9.600 metros, dos cales 43 serán de nova apertura e 6 de acondicionamento

A concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña atópase actualmente en fase de acordo e abarca unha superficie de 1.351 hectáreas, cun investimento total previsto de 4,1 millóns de euros

Desde o pasado 15 de decembro de 2022, os veciños xa poden facer uso dos predios de substitución

Este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar os camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

A Consellería do Medio Rural inviste máis de 586.000 euros na execución da rede de camiños secundarios da zona de concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña, no concello coruñés de Santa Comba. Así, as obras que se contemplan executaranse nun total de 49 camiños, cunha lonxitude total de 9.600 metros.

 

Destes, 43 serán de nova apertura (8.000 metros, incluíndo aquí dous camiños de ampliación cunha lonxitude total de 115 metros) e outros seis son de acondicionamento (1.600 metros). En canto ao paquete de firme, nos camiños de nova apertura estará formado por 35 cm de material seleccionado de préstamo sobre o que se aportarán 15 cm de saburra artificial. Nos viarios de acondicionamento, o firme estará formado tamén por unha capa de 15 cm de saburra artificial.

 

A concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña atópase actualmente en fase de acordo e abarca unha superficie de 1.351 hectáreas. As parcelas iniciais deste proceso eran 8.864, pasando a estruturarse actualmente en  2.051 predios, propiedade de 1.097 veciños e veciñas. De feito, o pasado 15 de decembro de 2022 deuse a toma de posesión dos novos predios, polo que os propietarios xa fan uso deles.

 

En canto ao investimento total previsto nesta parcelaria ascende a 4,1 millóns de euros. No caso do importe consignado para os camiños secundarios, está cofinanciado co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. 

 

Cabe engadir que este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

Data de actualización: 03/04/2023