A Xunta destina máis de 450.000 euros á reforma da Casa Reitoral da Caridade para convertela en punto de encontro do servizo de prevención e extinción

A edificación forma parte do Catálogo do patrimonio cultural do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Monterrei e está clasificada cun grao de protección integral, polo que se manterán todos os seus elementos singulares

A rehabilitación implicará a creación de espazos axeitados, como unha zona de duchas e aseos, almacenaxe de roupa de traballo e un lugar para descansar e comer

Monterrei (Ourense), 3 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, visitou estes días a Casa Reitoral da Caridade, que se prevé rehabilitar cun orzamento de máis de 450.000 euros como punto de encontro do Servizo de prevención e extinción. O obxectivo destas obras é recuperar o inmoble e dotalo de uso no marco da loita contra o lume na contorna.

 

Esta antiga Casa Reitoral forma parte do Catálogo do patrimonio cultural do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Monterrei e está clasificada cun grao de protección integral, polo que se manterán todos os seus elementos singulares, como a escaleira, os ocos nos muros e os balcóns.

 

Deste xeito, na rehabilitación prevense consolidar os muros de pedra da edificación, tanto exteriores como interiores, cambiarse a cuberta e recuperar as vigas de madeira en bo estado; así como reforzar os forxados e complementalos con taboleiros contralaminados de madeira.   

 

No relativo á adaptación, implica a creación de espazos axeitados para que o dispositivo de prevención e extinción de incendios poida desenvolver o seu labor comodamente, como un espazo de aseo e duchas, lugares onde almacenar a roupa de traballo e un espazo para descansar e comer.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023