Os veciños de Lugo coñecen o Centro Integral de Saúde que reactivará o novo barrio da Residencia

A Xunta destaca a gran acollida da xornada de portas abertas, que obrigou a ampliar o número de visitas previstas para dar cabida a arredor de 150 persoas

Lugo, 3 de abril de 2023 Arredor de 150 veciños e veciñas de Lugo coñecerán durante o día de hoxe o Centro Integral de Saúde (CIS) que se porá en marcha proximamente e que reactivará o novo barrio da Residencia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a gran acollida que tivo a xornada de portas abertas, que obrigou a ampliar o número de visitas previstas ata programar finalmente catro grupos pola mañá e dous pola tarde. “Os veciños de Lugo -apuntou-, e moi en concreto os da Residencia, saben que con esta dotación comeza o rexurdir deste barrio, e tamén valoran a importancia que terá no mapa de servizos sanitarios da cidade”.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 13 millóns de euros no CIS, que comprende un centro de saúde moderno e accesible, con acceso pola fachada principal, a nivel de planta 0; un Punto de Atención Continuada (PAC) con urxencias, con acceso independente pola fachada traseira; centro de saúde mental, que ocupará o andar -1; e base do 061, na planta -1 na parte de atrás.

No seu conxunto, serán 8.000 m² de superficie construída e máis de 5.500 m² de superficie útil en 6 andares, permitindo albergar as 46 consultas do centro de saúde e do PAC; e as 22 consultas no centro de saúde mental.

Arias explicou que a Xunta culminará no verán un investimento de 32 millóns de euros en infraestruturas sociosanitarias para recuperar o barrio da Residencia. Ademais, explicou, a pasada semana a Consellería licitou en case 1,2 millóns de euros un aparcamento disuasorio na avenida de Breogán que dará servizo á zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023