A Xunta licita equipamento por valor de preto de 1 M€ para modernizar o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o Laboratorio para dar a coñecer ao persoal este contrato que permitirá un aumento da carteira de servizos, co conseguinte desenvolvemento de novos métodos analíticos

O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia centraliza en Lugo todas analíticas derivadas dos programas de vixilancia e control oficial no ámbito da protección da saúde, abarcando a seguridade alimentaria e saúde ambiental, e realizou máis de 291.000 ensaios no ano 2022

A adquisición de catro equipos de alta tecnoloxía suporá unha mellora na capacidade analítica do Laboratorio, así como unha das actualizacións máis importantes dende a súa creación

Súmanse a equipos por valor de 70.000 euros incorporados nos últimos meses e ao futuro investimento de máis de 400.000 euros dun software para dixitalizar a xestión do laboratorio

Lugo, 3 de abril de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz e a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, visitaron hoxe xunto á subdirectora de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde da Consellería de Sanidade, Inés Mato, as instalacións do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

No transcurso da mesma, informaron ao persoal da licitación de catro equipos de alta tecnoloxía, que se fará nos próximos días por preto dun millón de euros. Trátase dun cromatógrafo de líquidos dotado cun detector de espectrometría de masas de triple cuadrupolo, un equipo de cromatografía de gases, dotado cun detector de espectrometría de masas de triple cuadrupolo (GC-MS), un cromátografo de líquidos UHPLC con dobre detector e un espectrómetro de masas con plasma de acoplamento indutivo (ICP-MS). Todos eles para a Área de Química.

Esta adxudicación vai supoñer, por unha parte, un aumento e mellora da capacidade analítica no que se refire ao aumento do número de mostras que se poden analizar no laboratorio; e por outra, a ampliación da carteira de servizos, co conseguinte desenvolvemento de novos métodos analíticos.

Nos últimos meses, a Xunta ten incorporado xa a este Laboratorio dous equipos por un valor conxunto de máis de 70.000 euros: un termociclador e un extractor de ácidos nucleicos cos que xa se está a traballar e que supuxeron o reforzo da Área de Bioloxía Molecular do Laboratorio.

Por outra banda, o goberno galego está a realizar outros investimentos no que se refire á súa dixitalización. Neste senso, adquirirase un software de xestión de laboratorio (LIMS) que suporá outros máis de 400.000 euros de investimento para modernizar este laboratorio punteiro.

Todas estas actuacións son susceptibles de financiamento ao 100 % pola Unión Europea no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19, uns fondos que o goberno galego decidiu dirixir en boa parte ao reforzo das políticas de prevención da saúde pública.

O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é a unidade provedora das determinacións analíticas derivadas dos programas de vixilancia e control oficial que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) no ámbito da protección da saúde, abarcando a seguridade alimentaria e saúde ambiental. Este organismo é tamén o referente en Galicia para facer as análises do Plan Nacional de Investigación de Residuos.

No campo da protección da saúde, as novas normativas nacionais e europeas establecen límites cada vez máis baixos de detección e cuantificación das substancias químicas, tales como residuos de medicamentos ou metais pesados en alimentos e augas de consumo humano. Por este motivo, a modernización do Laboratorio é imprescindible para garantir a protección da saúde dos cidadáns.

Laboratorio de referencia desde 2013

A Xunta apostou por Lugo para ter esta infraestrutura e no ano 2013, iniciou unhas obras de ampliación do laboratorio provincial para aumentalo ata os 2.500 metros cadrados, dotalo de novo equipamento de alta tecnoloxía e convertelo no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, centralizando as analíticas de toda a Comunidade.

Despois dun investimento de case dous millóns de euros, botou a andar en xaneiro de 2015, e a mediados dese ano tivo unha nova achega de 600.000 euros para completar a reforma e a adquisición de tecnoloxía. Estes investimentos foron cofinanciados nun 80 % pola Unión Europea dentro do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013. Posteriormente, investíronse, entre 2018 e 2020, outros 600.000 euros en distintos equipos de cromatografía.

O Laboratorio realiza numerosos ensaios, só no 2022 realizáronse máis de 291.000. No mesmo ano, contabilízanse máis de 13.500 controis de calidade e 3.348 ensaios intercolaborativos (aqueles nos que se comparan os resultados obtidos con laboratorios similares).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023