Galicia formará observadores en pesca de baixura para avanzar na obtención de datos e optimizar a xestión sustentable das pesqueiras

Esta acción tamén ten como fin crear unha bolsa de profesionais cualificados para realizar estas funcións e complementar as necesidades específicas das pesqueiras xestionadas no ámbito da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da convocatoria deste curso ao que poderán optar 20 persoas con licenciatura ou grao en bioloxía e ciencias do mar

Nel impartiranse nocións básicas de xestión pesqueira, coñecementos sobre tipos de buques e artes de pesca, frotas e especies de interese pesqueiro, normativa e aspectos relacionados coa vida a bordo, entre outros contidos

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

A Xunta convoca un curso de formación de observadores en pesca de baixura para a realización de mostraxes en actividades pesqueiras co fin de avanzar na obtención de datos e optimizar a xestión sustentable dos recursos mariños. Esta acción tamén ten como fin a creación dunha bolsa de profesionais cualificados e dispoñibles para realizar estas funcións e complementar as necesidades específicas das pesqueiras xestionadas no ámbito da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia.

Así o especifica o anuncio da convocatoria publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) tras aprobarse a realización desta formación e a creación da bolsa nunha das reunións ordinarias da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia. A Administración galega considera necesaria esta formación pola especificidade das tarefas a realizar polos observadores, entre as que están a recollida de datos en buques que faenan nas augas interiores galegas.

A este curso poderán optar 20 persoas con licenciatura ou grao en bioloxía e ciencias do mar, en situación laboral de desemprego ou en activo que non presten servizos nas administracións públicas e outras entidades oficiais. A duración da formación será de 60 horas lectivas, 50 delas online e 10 presenciais e dividirase en tres módulos.

Entre outros contidos impartiranse nocións básicas de xestión pesqueira, coñecementos sobre tipos de buques e artes de pesca, frotas e especies de interese pesqueiro e normativa. No curso tamén se abordarán cuestións relacionadas cos requisitos e responsabilidades do observador pesqueiro, a vida e traballo a bordo así como contidos sobre metodoloxía de observación pesqueira ao tempo que haberá sesións prácticas.

O prazo de presentación de solicitudes para o curso será de 20 días naturais contados a partir de mañá. Deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. E poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

As persoas interesadas en inscribirse poden consultar as bases con todos os detalles da convocatoria neste enlace da páxina web da Consellería do Mar onde tamén teñen o baremo que se empregará para a selección de aspirantes. As persoas admitidas serán as que estean nos vinte primeiros postos da lista definitiva e as seguintes quedarán nunha lista de reserva por orde de puntuación.

Esta actuación forma parte da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, creada pola Xunta en 2022 para incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados con este eido e coa finalidade de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2023