O Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio con Asfedro por máis de 1 millón de euros

Esta asociación atenderá a demanda dos concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, Somozas, e Valdoviño

Auméntase a súa contía nun 5 % respecto do ano anterior, no que foron asistidas un total de 1.047 persoas

Ferrol (ASF), sábado 1 de abril de 2023

O Consello da Xunta autorizou esta semana a sinatura de convenios coas distintas asociacións do ámbito dos trastornos aditivos. Entre elas, Asfedro, que desenvolve a súa actividade en concellos da Área Sanitaria de Ferrol.O convenio con esta entidade acada un importe de 1.046.022 euros, e por medio do mesmo, a asociación atenderá a toda a demanda dos concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, Somozas, e Valdoviño. Auméntase a súa contía nun 5 % respecto do ano anterior, no que foron asistidas un total de 1.047 persoas.

Plan de Saúde Mental 2020-2024

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta de Galicia contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas en saúde mental. Isto traduciuse, por exemplo, en axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais.

O obxectivo do Plan é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais. Ao respecto, os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable, por iso impulsou unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que incluiu as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental, e, neste mesmo ano, vai poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista.

Data de actualización: 01/04/2023