O presidente do Goberno galego reuniuse co rexedor da cidade do Porto, Rui Moreira

Rueda traslada ao alcalde do Porto a aposta da Xunta por avanzar nas conexións ferroviarias con Portugal

Defende a necesidade de axilizar a saída sur de Vigo como unha actuación estratéxica non só para a Eurorrexión, senón tamén para o Eixo Atlántico e as conexións con Europa

Agradece a aposta de Portugal polo impulso das infraestruturas a través de Galicia

Salienta o éxito do Camiño como ponte de encontro entre a Comunidade galega e o país luso

Vigo, 1 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao alcalde do Porto, Rui Moreira, a aposta do Goberno galego por avanzar nas conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal. O mandatario autonómico mantivo esta semana en Vigo unha reunión co rexedor da cidade portuguesa na que abordaron cuestións estratéxicas tanto para o Eurorrexión como para o Eixo Atlántico.

 

Alfonso Rueda incidiu en que unhas comunicacións óptimas entre Porto e Vigo, no marco das infraestruturas que enlazan Galicia co norte de Portugal, son fundamentais para que ambos os dous territorios fagan fronte aos retos que se presentan tanto na mobilidade como no desenvolvemento económico e industrial da Eurorrexión. O presidente da Xunta considera fundamental axilizar a tramitación da saída sur cara á Portugal, unha demanda que Galicia non deixará de defender e esixir perante o Goberno central.

 

Rueda chamou a atención sobre as diferentes posturas que os Gobernos de Madrid e de Lisboa manteñen perante esta conexión. En tanto que Portugal aposta decididamente polo enlace con España e con Europa a través de Galicia, o Executivo español non sitúa esa infraestrutura entre as súas prioridades. O presidente da Xunta agradeceu o apoio do Goberno portugués á saída ferroviaria a través de Vigo e reiterou que seguirá demandando por parte de España un compromiso firme que, ademais, debe incluír tamén a conexión portuaria coa terminal ferroviaria de Bouzas.

 

A mellora das infraestruturas ferroviarias son tamén fundamentais para que Galicia e o norte de Portugal aproveiten as oportunidades que ofrece o Eixo Atlántico para que o seu tecido empresarial e industrial poidan acadar posicións competitivas no panorama internacional.

 

O encontro entre Alfonso Rueda e Rui Moreira coincide co pulo das iniciativas que se están a poñer en marcha no eido da Eurorrexión para mellorar a calidade de vida da veciñanza e favorecer a economía das persoas que viven e traballan na zona transfronteiriza.

 
 

O Camiño como ponte de encontro

 

O presidente da Xunta agradeceu a gran acollida que entre os habitantes do Porto e, en xeral, do norte de Portugal, tivo o Xacobeo 21-22, no que o Camiño Portugués e o Portugués da Costa -que une Vigo e Porto, as dúas principais cidades do itinerario- acadaron un notable protoganismo.

 

Alfonso Rueda amosou a súa satisfacción polo feito de que o Xacobeo supuxera non só un éxito turístico para a franxa costeira da Eurorrexión, senón tamén unha ponte de encontro entre pobos interesados en estreitar lazos e que seguirán camiñando a Galicia máis alá do Ano Santo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023