A Xunta destaca as axudas para concellos e establecementos turísticos que contan con máis de 6,5 M€ para levar a cabo actuacións de embelecemento nos 73 concellos da costa galega

As axudas enmárcanse no Plan Litoral de Galicia que inclúe 3 Accións de Cohesión en Destino e 10 Plans de Sustentabilidade Turística impulsados por entidades locais, mancomunidades e Deputacións, entre as cales está o concello de Marín, que porá en marcha o PSTD Marín, dotado con 2 M€

O obxectivo destas axudas é fomentar actuacións de rehabilitación de espazos singulares, promover accións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, a dixitalización de recursos con potencial turístico

A mellora da fachada turística e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, están tamén no seu obxecto

Distínguense dúas liñas de axuda, unha dirixida a concellos, cun importe de 4.475.000 €, e outra dirixida a establecementos turísticos, cun importe de 2.075.000 €

Marín (Pontevedra), 1 de abril de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentou hoxe as axudas recentemente publicadas no Diario Oficial de Galicia, para embelecemento do litoral, destinadas a concellos e establecementos turísticos, que contan cun orzamento de máis de 6,5M€. 

O Plan Litoral de Galicia, aprobado no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola UE, NextGeneration, conta cunha dotación orzamentaria de 29,3 M€. O Plan conta con 3 Accións de Cohesión en Destinos (ACD), promovidas pola Xunta de Galicia por importe de 11,3 millóns de euros, e 10 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino impulsados por entidades locais, mancomunidades e Deputacións por importe de 18 millóns de euros, entre as cales está o concello de Marín, que porá en marcha o PSTD Marín, dotado con 2M€

Estas axudas enmárcanse na ACD: “Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego”. Estas axudas teñen como obxectivo principal fomentar actuacións de rehabilitación de espazos singulares, promover accións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, a dixitalización de recursos con potencial turístico, así como a mellora da fachada turística e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras. Distínguense dúas liñas de axuda, unha dirixida a concellos, cun importe de 4.475.000 euros, e outra dirixida a establecementos turísticos, cun importe de 2.075.000 euros. 

Nas axudas a concellos o orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 €, transición dixital, cun orzamento de 675.000 € e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 1.100.000 €. 

Na liña de axudas dirixida a establecementos turísticos poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, que teñan autorizado ou clasificado o establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia. Poderán solicitar as axudas os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos; así como restaurantes, cafeterías e bares.

Estas axudas a establecementos turísticos divídese en dúas liñas de actuación subvencionables: tecnoloxías ambientais, cun orzamento de 1.125.000 € e mellora da fachada turística do litoral, cun orzamento de 950.000 €.

Data de actualización: 01/03/2023