A Xunta autoriza convenios por valor de case 2 M€ para entidades sociais de asistencia a pacientes con trastornos adictivos da área de Vigo

O convenio asinado pola Xunta coa asociación viguesa ASVIDAL acada un importe de 233.875 euros; permitiu atender case 1.800 persoas o ano pasado

O acordo coa asociación Alborada ascende a case 1,7 millóns de euros e abrangue os concellos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Vigo
 

Vigo, 2 de abril de 2023

Nas dúas últimas reunións, o Consello da Xunta autorizou a sinatura de convenios coas distintas asociacións do ámbito dos trastornos adictivos. Entre elas, Alborada e ASVIDAL (Asociación Viguesa de Alcoholoxía), da área de Vigo. O primeiro deles, acada un importe de 1.680.946 euros, e a súa área de influencia abranque os concellos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Vigo. O pasado ano atendéronse, ao abeiro do mesmo, un total de 928 persoas. O convenio que asina a Xunta coa asociación viguesa ASVIDAL, suma un importe de 233.875 euros. O ano pasado puideron atenderse, en relación ao mesmo, 1.783 persoas. Deste xeito, a suma dos importes de ambos convenios ascende a 1.914.821 euros.

Cómpre sinalar que o financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención das adiccións desde equipos multidisciplinares é de preto de 12 millóns de euros. Esta cantidade supón un incremento do 5 % con respecto ao orzamento de 2022.

Plan de Saúde Mental 2020-2024

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta de Galicia contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas en saúde mental. Isto traduciuse, por exemplo, en axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais.

O obxectivo do Plan é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais. Ao respecto, os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable, por iso impulsou unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que incluiu as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental, e, neste mesmo ano, vai poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista.

Data de actualización: 02/04/2023