A Xunta autoriza un convenio coa Cruz Vermella por preto de 700.000 euros para a asistencia a pacientes con trastornos adictivos na área de Lugo

O convenio asinado pola Xunta coa asociación Cruz Vermella de Lugo acada un importe de 695.594 euros ; permitiu atender máis de 300 persoas o ano pasado

Terá unha repercusión directa en máis de 40 concellos lucenses
 

Lugo, 2 de abril de 2023

Nas dúas últimas reunións, o Consello da Xunta autorizou a sinatura de convenios coas distintas asociacións do ámbito dos trastornos adictivos. O convenio que o Executivo galego asinou coa asociación Cruz Vermella de Lugo acada un importe de 695.594 euros, e a súa área de influencia abarca os concellos de Baralla, Outeiro de Rei, Guitiriz, Becerreá, Portomarín, Muras, Cervantes, Rábade, A Pastoriza, Navia de Suarna, O Incio, Vilalba, As Nogais, Láncara, Xermade, Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Antas de Ulla, Baleira, O Páramo, Monterroso, A Fonsagrada, Samos, Palas de Rei, Negueira de Muñiz, Sarria, Meira, Castroverde, Triacastela, Pol, O Corgo, Abadín, Ribeira de Piquín, Friol, Begonte, Riotorto, Guntín, Castro de Rei, A Pontenova, Lugo, Cospeito e Taboada. O pasado ano atendéronse, ao abeiro do mesmo, un total de 347 persoas.

Deste xeito, o financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención das adiccións desde equipos multidisciplinares é de preto de 12 millóns de euros. Esta cantidade supón un incremento do 5 % con respecto ao orzamento de 2022.

Plan de Saúde Mental 2020-2024

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta de Galicia contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas en saúde mental. Isto traduciuse, por exemplo, en axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais.

O obxectivo do Plan é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais. Ao respecto, os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable, por iso impulsou unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que incluíu as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental, e, neste mesmo ano, vai poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista.

Data de actualización: 02/04/2023