A Xunta realizou preto de 1300 actuacións de inspección ambiental durante o ano 2022

A maior parte dos controis centráronse no transporte transfronteirizo de residuos

Máis da metade das actividades con Autorización Ambiental Integrada supervisadas o ano pasado acadaron un grao de cumprimento alto, moi alto ou total

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023 A Xunta pechou o seu Programa de Inspección Ambiental correspondente ao ano 2022 cun balance de 1.294 actuacións de control sobre actividades susceptibles de afectar ao ambiente da contorna. Esta supervisión forma parte do Plan de Inspección 2019-2024, que xa está a converter a Galicia nun referente en calidade ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, primou a vixilancia do transporte transfronteirizo de residuos. Para este labor, contou coa colaboración do servizo homólogo portugués e da Garda Civil, que se saldou coa realización de 29 controis a operadores de importación e exportación de residuos nos límites da Comunidade. 

Así mesmo, desenvolveuse un labor de supervisión relacionado coas actividades con Autorización Ambiental Integrada (AAI), isto é, aquelas que polas súas características poden ter un maior impacto ambiental. Así, no ano 2022, contabilizáronse un total de 98 inspeccións entre instalacións dedicadas á industria (30), ao sector da alimentación (22), á xestión de residuos (16) e ás granxas (30).  

En canto aos resultados cualitativos, máis da metade das actividades con AAI inspeccionadas acadou un cumprimento alto, moi alto ou total, en ningún caso se detectou un cumprimento moi baixo e só nun 8% foi baixo, mentres que no resto o resultado foi medio. Estes datos confirman que as empresas apostan cada vez máis por tecnoloxías verdes e pola redución de riscos para a xestión do entorno natural. 

Galicia, referencia europea en control ambiental 

O traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos en materia de inspección ambiental permitiu a Galicia converterse nunha referencia europea nesta materia. 

Proba disto foi, por exemplo, a elaboración dun Manual de Inspección Ambiental pioneiro, a implantación do Sistema de xestión de calidade ISO 9001:2015 ou a aprobación do Decreto de inspección ambiental de Galicia, que actualiza a actividade e o funcionamento do servizo no referente á normativa e á dixitalización dos procedementos.

No mesmo sentido, cómpre subliñar que xa está en marcha o Programa de Inspección Ambiental para 2023, que prevé realizar arredor de 1000 novas actuacións de control ao longo deste ano, un labor clave para o coidado do entorno natural e, nun senso máis amplo, tamén para a consecución dos obxectivos da Xunta de Galicia en materia de medio ambiente.

 

Data de actualización: 02/04/2023