A Xunta declarará proxecto singular a iniciativa para implantar unha empresa de reciclaxe de baterías de litio no polígono de Mos

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023 A Xunta de Galicia declarará proxecto empresarial singular a iniciativa para implantar no polígono industrial de Mos unha empresa de reciclaxe de baterías de litio.

Así se acordou esta semana, durante a reunión do Consello de Administración da empresa pública Xestur, na que se tivo en conta a vinculación do proxecto co sector do automóbil, de gran relevancia neste parque empresarial pontevedrés.

Con esta declaración facilitarase a instalación dunha iniciativa dedicada á valorización de baterías de ións de litio da industria de automoción e á reciclaxe e economía circular dos residuos plásticos termo estables. 

En concreto, adxudicarase no polígono de Mos unha parcela de 4.229 metros cadrados en réxime de dereito de superficie, unha modalidade vantaxosa que lle permitirá á empresa ocupar os terreos a cambio do pago dun canon anual moi reducido e con opción de compra. De feito, o prezo de venda da parcela supera os 685.000 euros e o canon a pagar pola empresa no primeiro ano será de 10.276,47 euros.

Data de actualización: 02/04/2023