A Xunta abre o proceso de participación co sector sanitario de Galicia para avanzar na elaboración da Estratexia galega de saúde 2030

O Goberno galego recollerá achegas de asociacións científicas, colexios profesionais, asociacións de pacientes, organizacións sindicais, universidades ou fundacións de investigación sanitaria, para este documento estratéxico que aspira a servir como folla de ruta integral da política sanitaria galega

No proceso de elaboración da nova Estratexia están a participar máis de 60 profesionais do sistema sanitario público de Galicia

A EGS2030 terá moi presente o marco estratéxico que establece Europa para afrontar os actuais retos de saúde, co obxectivo de impulsar a posición de Galicia nas oportunidades de innovación que abre a actual marco europeo de financiamento

Así mesmo, apoiarase nas conclusións dos ditames postpandemia das comisións creadas no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023

A Consellería de Sanidade abriu esta semana o proceso de participación cos axentes do sector sanitario Galicia, para avanzar no proceso de elaboración da nova Estratexia de Saúde de Galicia 2030, o principal documento estratéxico da política sanitaria galega segundo o define a recente Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

O lexislador galego entendeu como unha das principais leccións da actual pandemia a necesidade dunha maior integración dos distintos aspectos da política sanitaria, cun protagonismo compartido da saúde pública coa asistencia sanitaria e a investigación sanitaria, e cunhas prioridades e obxectivos comúns entre as distintas áreas.

Seguindo este mandato, o Goberno galego está a desenvolver un proceso de elaboración da Estratexia que conta coa colaboración de máis de 60 profesionais do noso sistema sanitario público. Así mesmo, levouse a cabo un labor de análise de boas prácticas de diferentes países europeos, e por suposto, están presentes as prioridades que establecen as institucións europeas, marcadas pola dobre transición verde e dixital, co obxectivo de impulsar a posición de Galicia nas oportunidades de innovación que abre o actual marco europeo de financiamento.

Para enriquecer o documento, ao longo desta semana a Consellería de Sanidade remitiu ás entidades do sector sanitario galego un cuestionario para participar no deseño e definición desta Estratexia.

Así, as asociacións científicas, os colexios profesionais, as asociacións de pacientes, as organizacións sindicais, as universidades ou as fundacións de investigación sanitaria terán hasta o vindeiro 15 de abril para remitir as súas achegas.

A través dun formulario online con dez cuestións de partida, a Consellería pon o foco en aspectos relativos ao desenvolvemento efectivo dun modelo de atención integrada, no reto de abordar a cronicidade e o tratamento do paciente complexo, asi como en aspectos vencellados ao desenvolvemento do desempeño profesional e ao avance na investigación e innovación especialmente en novas terapias e tratamentos.

Tecnoloxías avanzadas e xestión intelixente do dato

Outro dos aspectos que terá especial protagonismo será a adopción de tecnoloxías avanzadas e a xestión intelixente do dato, realidades que nos levan á necesidade de deseñar o modelo de adopción destas innovacións no sistema sanitario.

Os novos modelos de traballo que requirirán diferentes modelos de gobernanza, e de xestión, a avaliación dos resultados en saúde e a transparencia e participación activa de pacientes e profesionais, serán outros dos aspectos vertebradores da nova estratexia.

A Estratexia Galega de Saúde 2030 terá tamén en conta as recomendacións recollidas nos ditames que as distintas comisións específicas creadas nos órganos parlamentarios elaboraron para enfocar as políticas pospandemia no eido sanitario. Terase en conta, por tanto, o recollido no Ditame da comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, ou o incluído no Ditame da Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19, creada no Parlamento de Galicia.

 
Data de actualización: 02/04/2023