A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o novo itinerario

A Xunta salienta que a nova senda do río Dorrón potenciará a conservación da contorna e fomentará o ecoturismo no concello de Sanxenxo

Ángeles Vázquez subliña que esta ruta permitirá poñer en valor o patrimonio natural da contorna e o desenvolver actuacións en materia de turismo rural nas parroquias do interior de Sanxenxo ao conectar a praia de Areas co muíño de Xixán

Agradece a implicación da veciñanza a través de case 280 cesións de terreos particulares co fin de que se puideran incorporar ao trazado e alongar o itinerario

Sanxenxo (Pontevedra), 1 de abril de 2023 Aconselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a nova senda fluvial do río Dorrón potenciará a conservación da contorna e fomentará o ecoturismo no Concello, dado que esta zona está considerada corredor ecolóxico no Plan de ordenación do litoral. 

Durante unha visita que realizou ao novo itinerario xunto co alcalde da localidade, Telmo Martín, a conselleira subliñou que esta actuación, que contou cun financiamento de preto de 500.000 euros de fondos Next Generation, permitirá poñer en valor o patrimonio natural da contorna e desenvolver actuacións en materia de turismo rural nas parroquias do interior de Sanxenxo ao conectar a praia de Areas co muíño de Xixán. 

De feito, esta senda ten como obxectivo vertebrar e conectar os diferentes espazos e hábitats e funcionar como elemento dinamizador para achegar os valores naturais e paisaxísticos á poboación. Nesa liña, a conselleira incidiu en que este corredor facilitará a sensibilización, difusión e restauración do patrimonio natural existente na contorna desde a perspectiva do seu uso e goce público. 

Logo de agradecer a implicación da veciñanza a través de case 280 cesións de terreos particulares co fin de que se puideran incorporar ao trazado definitivo e alongar así o itinerario, a conselleira explicou que as obras consistiron na execución de novas infraestruturas de paso en madeira ou pedra natural, a apertura da senda cun ancho mínimo de 2 metros e a colocación de varandas e mobiliario de madeira. 

A maiores, tamén se realizaron tarefas de roza, eliminación de especies invasoras e alóctonas e plantación de vexetación autóctona, para mellorar a coherencia e a colectividade ecolóxica do territorio e dos hábitats existentes ao longo da canle fluvial.

E, para facilitar o desfrute deste itinerario por parte de peóns e ciclistas, instalouse unha nova sinalización indicando non só o percorrido senón os lugares de interese como os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, o lavadoiro e fonte de Outeiro ou o cruceiro de Quintáns.

Data de actualización: 01/04/2023