Os nutricionistas de atención primaria terán relación directa cos servizos hospitalarios de Endocrinoloxía e Nutrición

Así o confirmou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, na reunión que mantivo esta semana cos servizos de endocrinoloxía e nutrición das sete áreas sanitarias

Un nutricionista referente por área sanitaria facilitará a comunicación e o traballo en equipo entre os nutricionistas do primeiro nivel asistencial e os servizos de endocrinoloxía dos hospitais
 

Santiago de Compostela, 1 de abril 2023

A directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, mantivo esta semana unha reunión con todos os servizos de endocrinoloxía e nutrición das sete áreas sanitarias de Galicia, e tamén coa Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición, na que se abordaron diferentes iniciativas para potenciar as novas unidades de apoio nutricional recentemente creadas por toda a rede de atención primaria do Sergas. No encontro tamén participou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

A posta en marcha de circuítos de comunicación directa entre estas unidades de nutrición e os servizos de endocrinoloxía e nutrición das áreas sanitarias, foi un dos acordos alcanzados na reunión, co obxecto de mellorar a atención e calidade asistencial ofrecida aos pacientes. Así mesmo, o nomeamento dun nutricionista referente por área sanitaria tamén facilitará a comunicación e o traballo en equipo entre estes profesionais e os servizos de endocrinoloxía.

Xunto ao anterior, a Consellería de Sanidade tamén chegou a un acordo coa Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición, para organizar unha xornada formativa onde se presentarán estas novas medidas organizativas a implantar, e na que tamén se convidará a participar a todos os profesionais de atención primaria.

Acceso de toda a poboación ás unidades de nutrición de atención primaria

Os case 100 nutricionistas que incorporou a Xunta de Galicia nos centros de saúde a inicios deste ano é una das medidas de reforzo da atención primaria que se están a acometer por parte do Executivo galego, e que permite ofrecer este novo servizo a toda a poboación da nosa comunidade, independentemente do seu lugar de residencia.

Actualmente, os médicos de familia, pediatras, enfermeiras, matronas e odontólogos de atención primaria xa poden derivar directamente a esta nova unidade a calquera paciente con obesidade, hipertensión, diabetes, dislipemia, insuficiencia renal crónica, ou que padeza algunha enfermidade dixestiva, risco de desnutrición, alerxias alimentarias diagnosticada, ou, tamén, a calquera muller embarazada que necesidade tratamento dietético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023