A delegada territorial, Martina Aneiros, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participaron no encontro con membros da entidade Parque Natural del Eume: Naturaleza y Desarrollo

A Xunta reúnese con representantes dos propietarios das fragas para afondar nos contidos do PRUX que máis lles afectan

Lembran o compromiso da Xunta de investir 1,1 M€ de fondos Next Generation para ampliar a superficie pública deste espazo natural nos próximos dous anos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa ten localizadas preto de 800 parcelas, cuxa compra se negociará cos respectivos propietarios para, unha vez mercados, realizar actuacións de conservación e restauración

Poñen en valor os traballos de cartografía e de xeolocalización das parcelas levados a cabo pola Administración autonómica que permitiron actualizar a zonificación recollida no anterior Plan de ordenación dos recursos naturais
 

Ferrol, 31 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantiveron esta mañá un encontro con representantes da asociación de propietarios Parque Natural del Eume: Naturaleza y Desarrollo, presidida por Ángeles Pita, coa fin de afondar nos contidos do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque natural que máis lles afectan.

A delegada territorial, lembroulles o compromiso adquirido da Xunta de investir 1,1 M€ de fondos Next Generation para ampliar a superficie pública deste espazo natural nos próximos dous anos. Para iso a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa ten localizadas preto de 800 parcelas, cuxa compra se negociará cos respectivos propietarios para, unha vez mercados, realizar actuacións de conservación e restauración.

Pola súa banda, a directora xeral puxo en valor os traballos de cartografía e de xeolocalización das parcelas levados a cabo pola Administración autonómica que permitiron actualizar a zonificación recollida no anterior Plan de ordenación dos recursos naturais. “Deste xeito conseguimos harmonizala coa do resto de parques naturais de Galicia e axustar os límites de cada área para compatibilizar a conservación do patrimonio natural e da paisaxe cos usos que se desenvolven nel”, explicou Docampo.

As representantes da Xunta tamén aproveitaron o encontro para aclarar algunhas das alegacións presentadas ao documento e lembraron que das máis de 450 presentadas o 62% foron estimadas.

Catro grandes zonas

O PRUX, que entrou esta mesma semana en vigor trala súa publicación no DOG, divide a superficie do parque natural en catro grandes zonas. A zona I de reserva, inclúe ámbitos que requiren dun alto grao de protección; mentres que a zona II de uso limitado, aglutina espazos cunha maior necesidade de preservación polos seus valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade. A zona III de uso compatible, abrangue áreas cun valor de conservación medio por integrar certo nivel de humanización, nas cales se localizan plantacións forestais, cultivos e matogueira; e a zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización, inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

Martina Aneiros explicou que as dúas primeiras, coincidentes cos espazos de maior riqueza natural e paisaxística e, por tanto, que requiren máis protección, abranguen o 42 % da superficie total, que suma 9.106,36 hectáreas. “Este dato reflicte que no PRUX os obxectivos de conservación priman sobre calquera outra actividade que se planifique ou desenvolva no parque”, indiciu.

As responsables do Goberno galego escoitaron pola súa banda as suxestións trasladadas polos representantes dos propietarios e puxéronse á súa disposición para resolver posibles dúbidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023