A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse cos economistas ambientais da USC María Loureiro e Sebastián Villasante

A Xunta inicia unha rolda de contactos con expertos en economía ambiental de cara á elaboración da Lei de aproveitamento dos recursos naturais

Ángeles Vázquez salienta a importancia de poder aproveitar o coñecemento e experiencia de recoñecidos especialistas na materia para enriquecer o contido da futura norma

O anteproxecto lexislativo prevé que a valoración dos efectos sociais e económicos de determinados proxectos se faga dentro do procedemento de impacto ambiental

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

A Xunta iniciou unha rolda de contactos con expertos en economía ambiental de cara á elaboración do anteproxecto de lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia co obxectivo de que teñan un impacto directo positivo na Comunidade, e cuxo inicio de tramitación foi autorizado recentemente polo Consello do Goberno galego.

 

Nesa liña, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana con María Loureiro, catedrática de Economía da Universidade de Santiago, e Sebastián Villasante, profesor e investigador tamén na USC, para trasladarlles a intención do Goberno galego de regular que na posta en marcha de determinados proxectos no territorio, en especial aqueles que aproveitan recursos naturais mediante unha tecnoloxía avanzada, ademais de valorar as cautelas ambientais, vaia acompañada da valoración do seu impacto social e económico.

 

De feito, a pretensión é establecer medidas que permitan previr, corrixir e, de ser o caso, compensar os seus efectos sobre o medio ambiente de cara a avanzar no obxectivo de acadar un desenvolvemento sustentable.

 

Logo de subliñar que a valoración deses efectos sociais e económicos se faría dentro do procedemento de impacto ambiental, Ángeles Vázquez trasladoulles a ambos os dous economistas ambientais a importancia de poder aproveitar o seu coñecemento e experiencia na materia para enriquecer o contido da futura norma, na que se valorarán aspectos como a participación de investidores locais, a creación de emprego na zona, a redución dos custos da enerxía e a preservación dos bens culturais e naturais da zona.

 

María Loureiro é catedrática de Economía na USC e desenvolve o seu traballo de investigación nos campos da economía da enerxía, a economía ambiental e a economía agrícola. Ademais de ser investigadora principal (IP) grupo de investigación ECO-IURIS da USC, incluído no catálogo de grupos de investigación competitivos de Galicia, é académica numeraria de la Sección de Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias.

 

Sebastián Villasante, profesor e investigador na USC, participa activamente no proxecto Campus do Mar e está especializado en servizos ecosistémicos mariños e en economía ecolóxica, así como na adaptación, transformación, uso e xestión sostible dos recursos mariños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023