A Xunta destaca o papel da Oficina Galicia Empresa no acompañamento para a tramitación de iniciativas empresariais

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e o secretario xeral técnico da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Casal, participaron esta mañá en Vigo no I Ciclo de Xornadas de Dinamización Empresarial

Vigo, 31 de marzo de 2023

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e o secretario xeral técnico da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Casal, participaron esta mañá en Vigo no I Ciclo de Xornadas de Dinamización Empresarial, organizadas pola Xunta co apoio de Red Localis e a Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Nesta xornada púxose en valor o papel que a Oficina Galicia Empresa está desenvolvendo co acompañamento na tramitación de iniciativas empresariais que se queren implantar na Comunidade. A oficina actúa como xanela única da Xunta e canle de información e comunicación coas compañías, ofrecendo, ademais, orientación e asesoramento.

Enmárcase no compromiso do Goberno galego por ofrecer unha maior axilización e simplificación administrativa que permita captar investimento e favorecer a implantación empresarial. Neste sentido, a aprobación da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia contribúe a axilizar a tramitación das iniciativas. Destacan as figuras dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias.

Nesta mesma liña, a Administración xa aprobou preto dunha vintena de catálogos administrativos dirixidos a diferentes sectores de actividade nos que se expoñen de xeito claro e por orde cronolóxica, os trámites precisos para a implantación dunha iniciativa. Por outra banda, tamén se abordou a figura dos Concellos Emprendedores, que conta xa con 153 municipios adheridos, e que se enmarca, tamén, nesta filosofía de favorecer o investimento empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023