A Xunta colabora co concello do Pereiro de Aguiar con case 49.000€ destinados á recuperación dun espazo degradado na contorna da urbanización de Monterrei

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou os traballos de reposición de vexetación levadas a cabo para poñer en valor unha zona de elevado valor paisaxístico preto do encoro de Cachamuíña


A colaboración alíñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, unha das liñas de axudas da Xunta que financia melloras ambientais nas entidades locais e dotada neste 2023 cun orzamento de máis de 11M€
 

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 2 de abril de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou estes días xunto a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, as melloras levadas a cabo na contorna da urbanización de Monterrei para poder recuperar un espazo degradado. As actuacións preto do encoro de Cachamuíña, que aspira a ser o pulmón verde da provincia de Ourense, contaron cunha achega de case 49.000 euros por parte da Xunta no marco da colaboración co concello do Pereiro de Aguiar.

Diego Calvo destacou que as obras permitiron a recuperación dunha zona degradada e a conservación da biodiversidade, ao mesmo tempo que se contribuíu a reducir os riscos de incendios forestais mediante un uso recreativo e didáctico dos recursos naturais.  Así, incidiu de que ofrecerá un lugar de gran valor paisaxístico do que desfrutar tanto a veciñanza como os visitantes que recibe o concello na época estival, moi preto do novo complexo lúdico-deportivo que se está a construír tamén con apoio da Xunta e que avanza na súa primeira fase para a posta en funcionamento da área das piscinas e xogos acuáticos infantís.

Entre os traballos realizados na urbanización de Monterrei destaca a limpeza e a retirada de residuos perigosos e contaminantes, a eliminación da escollera e de rochas de gran tamaño, o movemento de terras para recuperar o valor paisaxístico perdido, a plantación de árbores autóctonas e arbustos, a colocación de valado de madeira e outros materiais naturais ou a colocación dun novo firme no camiño. En definitiva, actuacións de integración paisaxística, adecuación ambiental e de reposición de vexetación.

O acordo que deu lugar á colaboración co concello alíñase cos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, unha das liñas de axudas anuais da Xunta que financia melloras ambientais nas entidades locais. De feito, o ano pasado ao abeiro desta orde, o Goberno galego destinou ao concello do Pereiro de Aguiar outros 29.300 euros á mellora da eficiencia enerxética na iluminación do edificio polideportivo e 15.000 euros á conservación, reposición e restauración do ambiente na contorna da Serra e no regato da Corveira nas beiras do río Loña, neste caso en resposta á solicitude presentada en conxunto co municipio de Nogueira de Ramuín.

O Fondo de Compensación Ambiental (FCA) conta este ano cun orzamento de máis de 11M€ co que o Goberno galego aposta pola protección e mellora do medio natural e desde a súa creación, en 2010, permitiu cofinanciar proxectos por máis de 116M€.

Coa liña competitiva do fondo fináncianse campañas divulgativas, a compra de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, o uso recreativo e didáctico de recursos naturais, intervencións para integrar a contorna natural, traballos de eficiencia enerxética e de instalación de enerxías renovables, ou proxectos para evitar a degradación ambiental, xa sexa coa contratación de persoal ou a adquisición de equipamento. Coa finalidade de materializar iniciativas deste tipo, as entidades locais da comunidade presentaron á convocatoria deste 2023 un total de 225 solicitudes que a Xunta está a avaliar para a súa resolución.

O fondo conta con outra liña non competitiva dirixida a máis dun cento de concellos polo asentamento de parques eólicos no seu ámbito xeográfico.

O apoio da Xunta ao municipio do Pereiro de Aguiar mediante esta e outras ordes de subvencións superou os 661.500 euros nos últimos anos. Diego Calvo lembrou que esta contía axudou a que o concello conte con máis servizos cos que mellorar o benestar da veciñanza.

Nas achegas aos concellos, ademais de distintas liñas de axudas da Xunta, inclúense os 143,4M€ deste ano do fondo base e adicional que integran o Fondo de Cooperación Local (FCL). Esta contía supón un 17% por riba de 2022. No caso do Pereiro de Aguiar, recibiu o ano pasado máis de 288.300 euros do fondo base do FCL.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2023