Lorenzana anuncia a apertura dun Polo de Emprendemento e apoio ao emprego que impulsará novos proxectos empresariais en Lugo cidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou que o centro situarase no inmoble que acubilla a nova oficina de emprego de Lugo para favorecer “a interconexión” de ambos os dous servizos


Lembrou que a comunidade contará antes de que remate 2023 con 15 polos en activo que darán cobertura ao 100% do territorio


A provincia luguesa disporá de cinco centros: aos xa inaugurados en Monforte de Lemos e A Fonsagrada, sumarase o de Lugo Cidade, A Mariña e Lugo Comarca
 

Lugo, 31 de marzo de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, anunciou hoxe que Lugo cidade contará cun dos 15 polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta terá en activo en toda Galicia antes de que remate o ano. O centro ubicarase no mesmo edificio que albergará a nova oficina de emprego da cidade, na rúa da Saúde, para favorecer a “interconexión” entre ambos os dous servizos.

O polo urbano prestará servizo á cidade de Lugo que, tal e como destacou Lorenzana, ten “potencial e caráter estratéxico” na provincia luguesa, ao aportar máis do 32% do seu PIB e o 3,89% da comunidade. A localidade conta ademais con 52.392 persoas cotizantes das que 7.192 son traballadoras autónomas.

A provincia luguesa disporá de cinco polos antes de que remate o ano. Aos xa inaugurados de Lugo Sur (en Monforte de Lemos) e Montaña Lucense (A Fonsagrada), sumarase este de Lugo cidade, outro na Mariña e un quinto que dará cobertura á comarca de Lugo.  Calquera emprendedor da provincia poderá dispor dun centro de referencia  no que recibir acompañamento durante todas as etapas de creación dun negocio e acoller os novos proxectos empresariais que contribuirán a xerar riqueza e emprego nas súas contornas.

Desde a súa posta en marcha, hai menos dun ano, a rede autonómica de polos de emprendemento e apoio ao emprego ofreceu a través dos cinco centros que traballan a pleno rendemento na comunidade, asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais, dos que permanecen en activo 162. Un 57% destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres, que confirma que é “unha rede con perspectiva de xénero”, afirmou Lorenzana.

A conselleira participou hoxe en Lugo na segunda sesión de Venres nos Polos, un ciclo que Promoción do Emprego e Igualdade estreou a semana pasada en Vigo e que hoxe tivo como relator invitado a Daniel Cerqueiro, presidente de Startup Galicia. Este ciclo, puxo en valor Lorenzana, pretende achegar a voz da experiencia de quen sabe de emprendemento, a quen estea pensando en iniciar un proxecto.

A Xunta de Galicia ten previsto este ano executar, tal e como indicou Lorenzana, axudas económicas para apoiar o emprendemento (18,2M€), para o emprego autónomo (60M€) e para a economía social (42,3M€).

O Goberno galego está a fornecer e impulsar a fórmula emprendedora “dunha forma ordenada e sostible, vinculada ao propio territorio”, aseverou a titular de Promoción do Emprego. “Os datos demostran que a aposta polo emprendemento en Galicia é real”, remarcou, á vez que reivindicou a atención especializada dos servizos públicos de emprego ao emprendemento, mediante a creación de centros de proximidade como o hoxe anunciado en Lugo.

Data de actualización: 31/03/2023