A Xunta acomete a humanización e embelecemento da contorna da capela de Santa Marta de Albeos, en Crecente, cunha achega de 52.000 € do Plan Hurbe

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, Julio César García-Luengo, supervisaron esta actuación de mellora urbanística e estética, na que se invisten uns 100.000 € e que tamén inclúe a dotación de mobiliario urbano e vexetación

O proxecto consiste na renovación do pavimento nos ramais de acceso e no vial da ermida con formigón e pedra do país, a modernización e soterramento de todas as redes de servizos, a eliminación dunha marquesiña e a reubicación dos contedores

“Seguimos colaborando cos concellos na mellora e confortabilidade dos seus núcleos e, en Crecente, damos continuidade con esta axuda do Plan Hurbe a outra anterior na parroquia de Quintela para que o municipio incremente o seu atractivo e os veciños estean cada vez máis a gusto nas súas aldeas”, detallou Luis López

Crecente (Pontevedra), 31 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está a acometer as obras de humanización e embelecemento da contorna da capela de Santa Marta de Albeos, no Concello de Crecente, que está financiada cunha achega de máis de 52.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou, xunto ao alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, esta actuación de mellora urbanística e estética, na que se invisten uns 100.000 euros e que tamén inclúe a dotación de mobiliario urbano e vexetación.

“Seguimos colaborando cos concellos en todos os eidos e, por suposto, tamén na mellora e dotación de confortabilidade aos seus núcleos residenciais. No caso de Crecente, estamos a actuar na contorna da Ermida de Albeos e damos continuidade a outra axuda anterior do Plan Hurbe desenvolvida na parroquia de Quintela, para que o municipio incremente o seu atractivo e os veciños estean cada vez máis a gusto nas súas aldeas”, detallou o representante autonómico.

O proxecto que se está a realizar en Santa Marta de Albeos consiste na demolición do asfaltado preexistente para dotar a toda a contorna dunha nova pavimentación en formigón armado nos dous ramais de acceso ao interior do núcleo de Santa Marta e dun firme de lastro de granito de país no caso do vial cara a ermida.

Así mesmo, estase a proceder á modernización e soterramento de todas as redes de servizos, entre as que figuran as canalizacións de pluviais, o sistema de abastecemento de auga potable, a liña de enerxía eléctrica, o tendido de telefonía e a rede de alumeado público, que disporá de catro novas luminarias Led máis eficientes en altura e outras tres inseridas no novo muro de contención

A actuación vaise completar coa instalación dun banco de sete metros, a plantación de camelias e oliveiras, a renovación da sinalización, a construción dun novo espazo de ocultación en madeira de pino para os contedores de lixo a carón do merendeiro, a delimitación de espazos con postes e malla e a supresión dunha marquesiña.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023