A Xunta completa a nova área de radioloxía do CHUF e inicia o proceso de redacción da fase final do complexo

O espazo para radiodiagnóstico chega aos 2.200 m2, case duplicando a superficie anterior, e incorpora equipos por 5,5 millóns de euros que inclúen unha segunda resonancia magnética e TACs e ecógrafos renovados

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia que o Sergas aprobou xa o plan funcional para a fase final do Plan Director, que incluirá a renovación das áreas de hospitalización do Marcide e dos bloques cirúrxicos tanto do Marcide como do Naval

Ferrol, 31 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia vén de completar a nova área de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e inicia o proceso de redacción da fase final deste centro sanitario da rede do Sergas. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita á nova área de radiodiagnóstico que, -tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria-, “comezará a recibir pacientes en canto rematen os traballos de conexión e posta en marcha de todos os equipamentos que se instalan agora”.

Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros Barros; así como polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio Villanueva.

Tal e como explicou o titular da carteira sanitaria, o espazo para radiodiagnóstico chega aos 2.200 m2, case duplicando a superficie anterior, “e incorpora equipos por 5,5 millóns de euros”, destinados a actuar sobre as resonancias magnéticas, onde renovouse a que había e engadiuse unha segunda, e os TACs, onde se renovan tanto os dous desta área como o do Hospital Naval. Tamén se renovaron o pasado ano os catro ecógrafos de radiodiagnóstico.

O conselleiro incidiu, tamén, en que “por primeira vez Ferrol terá un equipo de radioloxía vascular intervencionista”, pendente de recepción, “pero que xa ten habilitado o espazo no que vai dar servizo”. Xunto ao anterior, Comesaña referiuse ás estacións de radiodiagnóstico nas que os profesionais traballan visualizando imaxes diagnósticas, “que se duplicaron de 14 a 27”.

Segundo dixo o conselleiro, “ao longo do mes de abril os pacientes da área sanitaria comezarán a experimentar as melloras que supoñen toda esta obra e este equipamento”.

 

Aprobada a fase final do Plan Director

Na súa visita ao hospital universitario de Ferrol, o responsable da sanidade pública galega anunciou que a Xunta vén de tomar outra decisión para este complexo hospitalario e, tal e como referiu Comesaña, o novo plan funcional e de espazos que vai permitir deseñar a fase final da reforma do centro hospitalario, “foi aprobado polo Sergas este mesmo luns, e ímolo remitir á Axencia Galega de Infraestruturas para licitar o proxecto arquitectónico detallado”.

Estas reformas que permitirán completar o complexo hospitalario van ter tres obxectivos principais que, -segundo o titular da carteira sanitaria-, son: a reforma íntegra das unidades de hospitalización da zona sur do Marcide, “con 108 camas en habitacións todas elas con baño propio”; a reforma dos bloques cirúrxicos do Marcide e do Naval, ganando dous quirófanos en cada un dos edificios, “co que teremos 10 no Marcide e 8 no Naval”; e, ademais, a reforma dos gabinetes de especialidades “nos que se realizarán todas as probas de áreas como dixestivo, neumoloxía, neuroloxía, uroloxía e outras”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro considera este Plan Director do Complexo Hospitalario de Ferrol “como unha das principais actuacións que a Xunta achega ao Pacto por esta cidade, que temos ofrecido ao resto das administracións”. Vai ser, -proseguiu Comesaña-, “un investimento total de 130 millóns de euros, e os pacientes comezarán a recibir de xeito directo os resultados da primeira parte desta actuación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023